A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil realizaron 1.565 controis na provincia durante os últimos sete días

11/05/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá unha xuntanza de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento das  accións de control e prevención levadas a cabo con motivo da crise sanitaria durante os últimos sete días.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe, por videoconferencia, unha reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.

Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos sete días, centradas sobre todo na fin de semana, cando concluíu o fin do estado de alarma a o fin da limitación mobilidade nocturna. En total, do 4 ao 10 de maio, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita levaron a cabo 1.565 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.778 axentes, se identificaron a 5.091 persoas e se controlaron 3.611 vehículos. En total, eleváronse 229 propostas de sancións como resultados destes controis e inspeccións na hostalaría.

No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos sete días 1.298 controis nos que participaron 1.117 efectivos. Nestes operativos 4.254 persoas foron identificadas, 3.298 vehículos foron controlados e 36 persoas foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 967 inspeccións e interpuxo 3 sancións.

Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 175 controis na provincia que contaron coa participación de 537 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 718 persoas e 313 vehículos. Como resultado destes controis e das diferentes inspeccións no eido da hostalería, interpuxo 131 sancións.

Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 92 dispositivos nos que identificou a 119 persoas e interpuxo 13 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 124 axentes autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 176 inspeccións en establecementos nos que  interpuxeron 7 denuncias.

A subdelegada do Goberno salientou que “a pesar do vivido noutras zonas do país, a nosa provincia estivo tranquila tras o levantamento do estado de alarma”. Neste sentido, Larriba expresou que “non se produciron incidentes salientables durante a fin de semana, a pesar de que se reforzaran os dispositivos policiais”. Do mesmo xeito, a subdelegada adiantou que a próxima fin de semana tamén se reforzarán estes equipos e controis.

Así mesmo, Larriba apelou de novo á responsabilidade individual da cidadanía galega para non retroceder na situación actual da pandemia en Galicia.

Por último, explicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil continuarán desenvolvendo tarefas de vixiancia e de sensibilización dacordo coas novas medidas que se publiquen no Diario Oficial de Galicia e daquelas que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade será a de vixiancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco. Ademais, prestarase unha especial atención aos colectivos con menor taxa de vacinación e aos concellos cun índice de poboación nova máis alto (como as áreas metropolitanas das cidades), para vixiar que se cumpran as novas medidas de horarios e reunións.