A subdelegada do Goberno preside o acto de entrega de certificados de profesionalidade a militares da Brilat

13/05/2021

75 militares de tropa pertencentes á Brigada "Galicia" VII – BRILAT recibiron o seu certificado de profesionalidade nivel 2 emitido polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta na mañá na Base Xeneral Morillo o acto de entrega de certificados de profesionalidade emitidos polo Servizo Público de Emprego Estatal a 75 militares pertencentes á Brigada "Galicia" VII –BRILAT–. Tamén estiveron presentes no acto, a directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, Marta Estrada, o xeneral xefe da Brigada "Galicia" VII, Luis Cortés, e o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés.
Estes militares, que manteñen unha relación de servizos de carácter temporal coas Forzas Armadas, recibiron hoxe o seu diploma acreditativo tras superar diferentes módulos formativos conducentes á obtención dun certificado de profesionalidade nivel 2.
Larriba quixo destacar a importancia que teñen estes certificados de profesionalidade para estes militares, “xa que lles permitirán acreditar unha serie de coñecementos profesionais cando se incorporen á vida civil”. Así mesmo, a subdelegada eloxiou o esforzo dos estudantes, “que con moita dedicación e sumando horas alén dos seus compromisos laborais, conseguiron superar os diferentes plans formativos e obter un título que lles axudará a afrontar con maiores garantías o seu futuro laboral”.
Durante o curso 2019/2020 na Base Xeneral Morillo impartíronse cinco cursos dirixidos ao persoal de tropa e conducentes a acadar un certificado de profesionalidade nivel 2 nas seguintes especialidades: “Soldadura con electrodo revestido e Tic”, “Atención sanitaria a múltiples vítimas e en catástrofes”, “Transporte sanitario” e “Seguridade privada e protección ás persas”. Ademais, ofertouse un curso de lingua e matemáticas para que a aquelas persoas que non estaban en posesión do título de Educación Secundaria Obrigatoria puideran acceder aos diferentes plans formativos. A subvención concedida para impartir ditos cursos foi de 223.959 euros. No curso 2020/2021 a Base Xeneral Morillo ofertará oito novos módulos formativos.