Isabel Rodríguez destaca a importancia da prevención para evitarlle sufrimentos á infancia e á mocidade

20/05/2021

A Garda Civil dá formación, en 15 concellos da provincia, a pais e nais do programa Educando en Familia en materia de acoso escolar e sobre os riscos das novas tecnoloxías

A subdelegada do Goberno e a tenente de alcalde de Alfoz asistiron ás charlas celebradas na Casa da Cultura deste municipio da Mariña

O equipo da Garda Civil ligado ao Plan Director tamén impartiu este curso 57 charlas a máis de 2.000 alumnos da provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe “a importancia da prevención dos riscos aos que se enfrontan actualmente a infancia e a mocidade para evitarlles sufrimentos agora e no futuro”, durante a presentación dunha actividade realizada en Alfoz polo equipo da Comandancia da Garda Civil responsable do Plan Director para a mellora da convivencia e a seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Na actividade, dirixida a nais e pais de escolares menores de 6 anos participantes no programa Educando en Familia, tamén estiveron presentes a tenente de alcalde do Concello de Alfoz, Ana Aránzazu Ares Incera, e a responsable do devandito programa educativo neste municipio da comarca da Mariña, Encarna Santos.

Isabel Rodríguez falou da valiosa labor que levan a cabo as forzas de seguridade entre os mozos e mozas da provincia coas actividades que realizan tanto a Garda Civil como a Policía Nacional para toda a comunidade educativa.

Os membros do equipo da Garda Civil da Comandancia de Lugo ligados ao Plan Director Héctor Méndez e Ramón Peña explicáronlles esta mañá aos asistentes ás dúas sesións de formación cómo actuar diante de situacións de acoso escolar e tamén lles ofreceron formación sobre os riscos que pode entrañar para a infancia e a mocidade facer un mal uso das novas tecnoloxías.

Estas charlas, que se celebraron na Casa da Cultura de Alfoz forman parte da programación para este mes de maio do equipo da Garda Civil responsable de desenvolver na provincia o Plan Director.

CON "EDUCANDO EN FAMILIA" EN 15 CONCELLOS

No caso do programa Educando en Familia, este curso, debido á pandemia, só se realizan actividades dirixidas a nais e pais de escolares. En total, o equipo de formadores da Garda Civil ten previsto realizar durante este mes de maio charlas para participantes neste programa en 15 concellos da provincia: Ribadeo, Begonte, Xermade, Guitiriz, Burela, Castro de Rei, Cervo, Foz, Alfoz, Outeiro de Rei, Ourol, Mondoñedo, Riotorto, Barreiros e O Vicedo.

NOS CENTROS ESCOLARES

Ademais, os formadores da Garda Civil continúan neste curso académico coas actividades dirixidas a centros escolares. Neste caso, levan realizado ata agora un total de 57 conferencias, a maioría delas por medios telemáticos, nas que participaron 2.082 alumnos e 136 membros do profesorado.

Ata rematar o curso teñen programadas novas charlas sobre temas como violencia de xénero, seguridade vial, acoso escolar, adicción a vídeo xogos, riscos das novas tecnoloxías e alcol e drogas para alumnos de primaria e secundaria de O Saviñao, Becerreá, Chantada, Portomarín, Cervo, Begonte, Meira, Cospeito, O Páramo, Láncara, Rábade e Burela.