Maica Larriba reúnese co alcalde de Fornelos de Montes

25/05/2021

 A subdelegada do Goberno mantivo un encontro con Emiliano Lage para coñecer os diferentes proxectos de aforro enerxético do Concello

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse esta mañá co alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, para coñecer os proxectos de aforro enerxético que executará o Concello grazas ás diferentes axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo adscrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

O primeiro proxecto, cuxo importe de subvención ascende a 42.616,04 €, permitirá a instalación de placas fotovoltaicas destinadas á xeración eléctrica para autoconsumo nas dependencias municipais do Concello.

Ademais, Fornelos beneficiarase tamén dunha axuda do IDAE que lle permitirá renovar 102 puntos de luz no termo municipal e reducir nun 73 % o seu consumo enerxético.

Ambas obras enmárcase na liña de axudas destinadas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso unha economía baixa en carbono dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020

Tal e como indicou a subdelegada, “estas subvencións perseguen contribuír á consecución dos obxectivos que ten adquiridos o noso país  en materia de mellora  da eficiencia enerxética, enerxías renovables e outras tecnoloxías baixas en carbono”.

Durante o seu encontro, o alcalde manifestoulle á subdelegada o seu interese por acceder a outras axudas estatais derivadas dos fondos Next Generation. Neste sentido, Larriba informou a Lage de que lle consta que “tanto a FEMP como a FEGAMP están a negociar co Goberno o acceso directo por parte dos Concellos a este tipo de fondos”.

Máis de 41 millóns de euros para proxectos de aforro enerxético na provincia

En total na provincia de Pontevedra, o IDAE subvencionou 78 proxectos entre setembro de 2018 e abril de 2021. “O valor destas axudas, das que se beneficiaron 28 entidades locais, ascende a 41.144.386,67 €. Unha importante inversión que contribúe ao reto de acelerar a transición ecolóxica, un dos 4 eixos transversais que rexen o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia recentemente aprobado e un dos compromisos deste Goberno”, explicou Larriba. 

En suma, durante este período de tempo, na provincia beneficiáronse de maneira directa 26 concellos e outros tantos indirectamente a través dos proxectos da Deputación de Pontevedra e a Mancomunidade  do Salnés. Entre os tipos de proxectos subvencionados atópanse proxectos de mellora da eficiencia enerxética en iluminacións e edificios, de instalación de caldeiras de biomasa, de iluminación exterior sostible, así como de rehabilitación enerxética de edificios

Sobre o IDAE

Este organismo dependente da Secretaría de Estado de Enxería é o organismo intermedio previsto para coordinar as accións encamiñadas a conseguir o obxectivo europeo de «favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores».

Para tal fin, o IDAE leva a cabo acciones de difusión e formación, asesoramento   técnico, desenvolvemento de programas específicos e financiamento de proxectos de innovación tecnolóxica e carácter  replicable. Así mesmo, o Instituto  lidera unha intensa actividade internacional no marco de distintos programas europeos  e cooperación con terceiros países.

Entre outras, ofrece axudas para a rehabilitación de edificios, para a mobilidade sostible, a renovación da iluminación exterior, para o investimento en enerxías renovables, para a eficiencia enerxética, etc.

As actuacións que financia baixo este programa de axudas enmárcanse así mesmo nas políticas de mellora da eficiencia enerxética ás que está obrigado o Estado español no marco da Directiva 2012/27/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2012, relativa á eficiencia enerxética, e que obriga aos Estados membros a asumir obxectivos de mellora da eficiencia enerxética no horizonte do ano 2020.

Así mesmo, o presente programa contribúe a garantir o acceso a unha enerxía  alcanzable, segura, sostible e moderna, un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.