Isabel Rodríguez anuncia a licitación de outra obra do Goberno para melloras no Camiño de Santiago

30/05/2021

 A subdelegada do Goberno informa de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de sacar a licitación a recuperación do núcleo rural tradicional da Balsa, no concello de Triacastela
 Esta actuación súmase ás que xa ten en marcha o Mitma nos municipios de Portomarín, Palas de Rei e Paradela, nos que se executan obras para a posta en valor do Camiño Francés con un investimento de 1,2 millóns de euros


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe dunha nova actuación do Executivo en apoio do Camiño de Santiago, que se levará a cabo, neste caso, no concello de Triacastela.

 

Isabel Rodríguez anunciou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de sacar a licitación as obras para a recuperación e posta en valor do núcleo rural tradicional e do contorno de San Antonio na parroquia da Balsa, pertencente ao concello de Triacastela, pola que pasa o Camiño Francés.

 

O proxecto sae a licitación con presuposto de 713.030 euros e un prazo de execución de dez meses.

 

A subdelegada agradeceu ao Ministerio a súa implicación na posta en valor do Xacobeo, como o demostran as distintas actuacións que ten en marcha actualmente na provincia nos concellos de Portomarín, Palas e Paradela, ás que se suma agora esta nova en Triacastela.

 

Rodríguez destacou, tamén, o pulo dado polo Ministerio a este proxecto, que sae a licitación pouco despois da súa aprobación técnica, que se produciu no pasado mes de abril.

 

A intervención prevista inclúe a dotación ao núcleo dos sistemas de servizos xerais, soterramento do cableado, mellora dos pavimentos e muros que bordean o camiño, ponte e outros elementos singulares. Ademais, levarase a cabo unha actuación no contorno da capela de San Antonio orientada á mellora e ornato do espazo circundante e á recollida das augas de escorrentía e drenaxe, que afectan negativamente aos muros da capela.

 

MÁIS DE UN MILLÓN NAS OBRAS EN EXECUCIÓN

 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está a executar nestes momentos catro actuacións que supoñen un investimento de 1.269.773 euros na realización de melloras en municipios do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.

 

As actuacións, que financia na súa totalidade o Mitma, son a rehabilitación do interior do Pazo do Xeneral Paredes e a construción dun Centro de visitantes no contorno do castro en Castromaior, ambos no concello de Portomarín; así como a recuperación e posta en valor do contorno da igrexa de San Xulián do Camiño, en Palas de Rei, e a recuperación e posta en valor do núcleo rural tradicional de Pena, en Paradela.