José Miñones agradece o compromiso e o esforzo realizado polo persoal da Subdelegación do Goberno en Pontevedra durante o último ano

03/06/2021

Acompañado pola subdelegada, Maica Larriba, o delegado mantivo un encontro de traballo cos responsables das diferentes áreas e dependencias.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou esta mañá as dependencias da Subdelegación do Goberno en Pontevedra acompañado pola súa titular, Maica Larria.

Durante a súa visita interesouse polos distintos servizos que se prestan no edificio de Praza de España, entre os que están o Rexistro, os servizos xurídicos, a área de Atención e Información á Cidadanía ou a Unidade contra a Violencia sobre a Muller. Así mesmo, o delegado visitou tamén as dependencias da rúa Michelena, onde se atopan, entre outros, as áreas de Estranxeiría e de Pesca e Agricultura.

Na actualidade traballan en ambas sedes un total de 96 empregados públicos, que “desenvolven un traballo directo e fundamental para a cidadanía, facilitando a súa relación coa Administración do Estado, xestionado permisos de traballo e residencia, supervisando a comunicación de mobilizacións e manifestacións e tramitando distintos procedementos sancionadores, entre outros moitos”, lembrou o delegado.

O delegado do Goberno mantivo tamén un encontro de traballo cos responsables das distintas áreas e constatou o especial esforzo realizado polo cadro de persoal, “que foi un sector esencial durante os momentos críticos da pandemia e continúa cunha dinámica similar na fase de recuperación”. Neste sentido, agradeceulles “a dedicación e vontade por seguir prestando a mesma atención á cidadanía nos meses máis duros da pandemia mediante o sistema de teletraballo e tras a progresiva reincorporación presencial”.