José Miñones traslada á nova subdelegada do Goberno na Coruña os retos do municipalismo, a igualdade, as infraestruturas e a xestión dos fondos europeos na provincia

11/06/2021

O delegado destaca a aposta por unha “continuidade renovada” no cambio de Pilar López-Rioboo por María Rivas, “unha muller capacitada, con enerxía e compromiso e con vocación de diálogo e consenso”

María Rivas pon como obxectivos a loita pola igualdade e contra o machismo, a defensa da xustiza social e o compromiso coas políticas públicas do Goberno

O acto contou coa presencia de responsables dos eidos xudiciais, políticos e administrativos de Galicia e da provincia, mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade e representantes de colectivos sociais e laborais da Comunidade


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou á nova subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, os retos que se marcou na súa propria toma de posesión e que centrou no municipalismo, a defensa da igualdade, a aposta polas infraestruturas e a materialización dos fondos europeos e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia na provincia.  Así o manifestou no discurso do acto de toma de posesión de María Rivas como nova responsable do Executivo Central na Coruña, en substitución de Pilar López-Rioboo.

Na súa intervención, José Miñones destacou que o nomeamento de María Rivas aposta por unha “continuidade renovada” ao fronte da Subdelegación do Goberno na Coruña, cunha “muller preparada, con enerxía e compromiso e dotada dunha grande capacidade para o diálogo e o consenso”. Tras agradecer o traballo desenvolvido pola exsubdelegada López-Rioboo, amosouse convencido de que este cambio fortalecerá o equipo que conforma coas dúas subdelegadas de Lugo e de Pontevedra e co subdelegado de Ourense.

Pola súa parte, a nova subdelegada do Goberno na Coruña remarcou os seus compromisos na defensa da igualdade e a loita contra o machismo e a violencia de xénero; a promoción da xustiza social nun momento especialmente complicado pola pandemia, e o impulso ás políticas do Goberno de Pedro Sánchez “nos 93 concellos da provincia”.

“Dende esta Subdelegación seremos firmes na defensa dos dereitos das mulleres, empezando polo dereito a vivir. Asegúrovos que dende esta Subdelegación da Coruña defenderemos o feminimo sen tregua. E este é e será o primeiro dos meus obxectivos, a primeira das miñas metas: traballar cada día por conquistar, metro a metro, a igualdade; traballar cada día por apuntalar os dereitos das mulleres. Non haberá pasos atrás”, engadiu.

No acto tamén tivo palabras de agradecemento á exsubdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, que cesaba onte no cargo ao alcanzar a idade de xubilación. Nas súas verbas, lembrou o seu traballo de proximidade e de apoio aos gobernos locais da provincia e o seu compromiso coa loita contra a violencia de xénero e a protección ás vítimas desta lacra.

María Rivas ocupaba ata onte o cargo de xefa de Gabinete do delegado do Goberno. É licenciada en Socioloxía e funcionaria de carreira do Concello da Coruña.

O acto contou coa asistencia do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez; o xeneral do Mando de Apoio á Manobra do Exército de Terra, Juan Francisco Arrazola; as subdelegadas do Goberno en Lugo e en Pontevedra, Isabel Rodríguez e Maica Larriba; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández; entre outros responsables dos eidos xudiciais, políticos e administrativos de Galicia e da provincia, mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade e representantes de colectivos sociais e laborais da Comunidade.