Subdelegación e Concello de Quiroga reforzarán a seguridade no municipio a vindeira fin de semana

19/07/2021

A subdelegada do Goberno e o alcalde presiden a xuntanza na que o Concello informou de que estuda suspender a Feira do Viño debido á evolución da pandemia

Isabel Rodríguez ofrece a colaboración das forzas de seguridade do Estado e pide o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias

Na reunión tamén se analizou a situación da seguridade no concello e constatouse que a taxa de criminalidade mantense moi por debaixo da media provincial, de Galicia e de España,

A subdelegada informa de que en 2020 aumentou lixeiramente a cifra de delitos, mellorou a eficacia policial e rexistráronse 3 denuncias por violencia de xénero


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade, que se celebrou na Casa do Concello e na que tamén tomaron parte mandos da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica. Na xuntanza, o alcalde comunicou que o goberno local valora suspender a XXXIX Feira do Viño debido á evolución da pandemia do coronavirus. A decisión definitiva tomarase nas próximas horas.

 

Isabel Rodríguez anunciou que a Subdelegación e o Concello acordaron, en todo caso, reforzar a seguridade esta fin de semana, en previsión de que puideran producirse aglomeracións de persoas.  Isabel Rodríguez manifestou que as forzas de seguridade do Estado colaborarán en todo o necesario e fixo un chamamento a toda a poboación para que cumpran as normativas decididas polas autoridades sanitarias.

 

 

SEGURIDADE CIDADÁ

 

A Xunta Local de Seguridade tamén examinou a situación da seguridade cidadá no concello de Quiroga, que, tal como reflicten as estatísticas da Garda Civil mantén unha taxa de criminalidade do 12,31‰, que é moi inferior á media da provincia (21,1), de Galicia (27,3) e de España (37,4). Aínda así, a subdelegada chamou a atención sobre o feito de que no ano 2020 a cifra de delitos experimentou un lixeiro incremento neste concello respecto ao 2019, pois pasouse de 33 a 39 infraccións penais.

Rodríguez felicitou á Garda civil polo aumento na eficacia policial, que medrou 4,4 puntos, ao pasar de 54,5% ao 58,9%. En 2020, os axentes de Quiroga detiveron 6 persoas e investigaron outras 10 pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos.

 

VIOLENCIA DE XÉNERO

 

Isabel Rodríguez analizou tamén a evolución da violencia de xénero no concello de Quiroga. En 2020 rexistráronse un total de 3 denuncias por este motivo e no que levamos de 2021 hai 1. En 2019 foran 4 as denuncias por este motivo.  

 

PLANS DE SEGURIDADE

 

A subdelegada tamén informou da marcha dos plans operativos          que ten en marcha a Secretaría de Estado de Seguridade como son o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021 e os dirixidos a escolares e persoas maiores.

 

Rodríguez explicou que a crise sanitaria do coronavirus tivo impacto tamén no desenvolvemento destes plans, ao diminuír drasticamente a cifra de peregrinos, ademais de afectar á actividade académica e a colectivos especialmente sensibles como os maiores.

 

Este verán, ante a previsión do aumento de peregrinos que, no caso de Quiroga, se dirixan a Santiago a través do Camiño de Inverno, a Garda Civil ten despregado o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021.

 

En canto ao Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos, no curso escolar 2019/2020 realizáronse un total de 2actividades no IES de Quiroga e tiveron que suspenderse outras 7 que estaban programadas para o mesmo centro e para o CEIP de Quiroga. No curso 2020/2021 foron 2 as conferencias impartidas no CEIP de Quiroga, que trataron sobre os riscos da internet e as novas tecnoloxías e o problema da adición aos videoxogos.

 

Respecto do Plan Maior de Seguridade, a subdelegada animou ao Concello a solicitar a celebración dalgunha actividade cando a evolución da pandemia o faga posible.