José Miñones reitera a máxima colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade para intensificar os dispositivos de control sanitario

02/07/2021

O delegado explica que as prioridades seguirán a ser o control das zonas de máximo risco e dos colectivos con menos taxa de vacinación, máis expostos a pandemia

Apela á responsabilidade da cidadanía de Galicia para non retroceder na actual situación sanitaria

Coincidindo coa reapertura do ocio nocturno, traslada a cidadanía a necesidade de actuar con prudencia e contención na celebración de actos lúdicos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou hoxe  máxima colaboración coas autoridades sanitarias para a protección da saúde pública ante o repunte de casos de COVID especialmente no tramo de persoas menores de 30 anos. Así llo trasladou ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; e ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; nunha reunión telemática celebrada para avaliar a actual situación sanitaria e a súa incidencia no ámbito galego, coincidindo coa reapertura do ocio nocturno.

José Miñones, que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña; María Rivas López; apelou á responsabilidade individual da cidadanía galega para non retroceder na situación actual en Galicia. De maneira especial incidiu na necesidade de que o grupo de menores de 30 anos sexa especialmente estricto no cumprimento das medidas sanitarias que permitan garantir unha mellor e maior protección, coma son o mantemento das distancias e o uso das máscaras, ademáis de tratar de evitar as concentracións numerosas de xente.

Neste sentido, indicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil intensificarán a súa acción e a súa coordinación coas policías locais e Policía Adscrita para controlar e tratar de evitar a celebración de reunións numerosas na vía pública. Na reunión telemática tamén estiveron presentes os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade en Galicia.

O delegado do Goberno reclamou que a sociedade, especialmente a xente máis nova, ten que ser consciente de que a enfermidade non está vencida, tal coma reflexa o repunte de casos. Neste contexto apelou a cidadanía e tamén aos alcaldes e alcaldesas para manter e incrementar o traballo conxunto coas policías locais e para transmitir unha mensaxe de prudencia e contención na celebración de actos lúdicos e festivos nos diferentes pobos e cidades galegas.

A súa mensaxe estivo especialmente orientada a mocidade, xa que son os menores de 30 anos actualmente o grupo máis exposto ao contaxio da COVID ao non comezar o proceso de vacinación nesta tramo de idade.

Ademais do comportamento cidadán, o delegado explicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil e as policías locais seguirán desenvolvendo tarefas de vixiancia e de sensibilización dacordo coas medidas sanitarias vixentes. En concreto, a prioridade será a de vixiancia das zonas con maior incidencia da COVID-19 e prestarase unha especial atención aos colectivos con menor taxa de vacinación e aos concellos cun índice de poboación nova máis alto, como as áreas metropolitanas das cidades.