José Miñones subliña en Vilagarcía o compromiso do Goberno para impulsar a política de vivenda e as melloras nos barrios xunto aos concellos galegos

02/07/2021


A política municipalista do Goberno ten impacto a través de múltiples programas, como os do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía que promociona a eficiencia enerxética ou plans de mobilidade

José Miñones lembra que Correos aposta por dar servizo de retirada de cartos ou pago de recibos nos lugares que perden entidades bancarias

O delegado do Goberno cifra o escudo social na provincia de Pontevedra en preto de 3.000 millóns de euros con cerca de 100.000 persoas e 13.000 empresas beneficiadas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou hoxe o compromiso do Executivo para impulsar a política de vivenda e as melloras nos barrios xunto aos concellos galegos. Expresouse así durante a súa primeira visita institucional ao Concello de Vilagarcía.

Acompañado polo alcalde, Alberto Varela, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; José Miñones incidiu na importancia que ten o eido local nas políticas do Executivo. Nese senso, explicou que unha das liñas de acción presentes en Vilagarcía é a vinculada ao Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Este departamento aporta financiamento en distintas materias, como a renovación do alumeado para lograr aforro, os programas de eficiencia enerxética en infraestruturas e edificios públicos ou os plans de mobilidade e aparcamentos disuasorios, que teñen un impacto directo no día a día dos cidadáns.

O delegado do Goberno salientou tamén a aposta de Correos polos concellos, en especial por aqueles puntos que perden entidades bancarias, onde a empresa pública permite a retirada de cartos ou o pago de recibos ás persoas residentes.
Dentro deste apoio ao eido municipalista, José Miñones avanzou a Alberto Varela, que tamén preside a Federación Galega de Municipios e Provincias, que en próximas datas haberá unha xornada de información co secretario de xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas, e os concellos galegos.

O obxectivo desta xuntanza na que participarán os gobernos locais é impulsar a política de vivenda e as melloras nos barrios. Trátase dunha actuación que debe chegar co plan de reactivación económica do Executivo.

Escudo Social

José Miñones destacou en Vilagarcía de Arousa o impacto do financiamento do Goberno no escudo social. “Recolle ese compromiso do Goberno nos momentos máis difíciles coa crise sanitaria e económica”, subliñou o delegado na súa intervención.

Na provincia de Pontevedra, onde Vilagarcía é un dos principais núcleos de poboación, o impacto é de preto de 3.000 millóns de euros. Corresponden ás diferentes liñas de axuda que plantexou o Executivo para non deixar a ninguén atrás.

Unhas 83.000 persoas traballadoras foron protexidas polos ERTE, cunhas prestacións de 235 millóns de euros. Ata 9.000 persoas perciben o Ingreso Mínimo Vital. Son 13.000 as empresas de Pontevedra que contan cun aval da liña do Instituto de Crédito Oficial vinculada á COVID-19, con 2.100 millóns de euros de financiación garantida.