Isabel Rodríguez destaca o investimento do Goberno en bolsas de estudo para garantir o dereito á educación

15/07/2021

No curso 2020-2021, o Goberno deu apoio económico a 8.758 alumnos da USC e a 3.300 alumnos de ensino secundario da provincia de Lugo

A subdelegada do Goberno, que se reuniu co director da Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno, remarca que a próxima convocatoria de becas terá unha dotación histórica de 2.038 millóns de euros


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o importante investimento dedicado ás bolsas de estudo polo Executivo, que experimentou un aumento do 11,6% o curso pasado nas axudas a universitarios matriculados nos Campus de Lugo e Santiago da USC.

 

Isabel Rodríguez, que mantivo hoxe unha xuntanza co director da área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno, Manuel Regueiro, explicou que “as bolsas de estudo son o medio co que tratamos de garantir o dereito á educación de todas as persoas, para evitar que ninguén deixe de estudar por causas económicas”

 

Rodríguez lembrou que 1 de cada 3 alumnos da USC dispuxeron dunha bolsa de estudos financiada polo Goberno, que dedicou 30,1 millóns de euros ao financiamento das achegas concedidas no curso 2020-2021 a 8.758 alumnos dos dous campus que ten a Universidade de Santiago de Compostela.

 

En canto as bolsas para alumnos do ensino secundario non obrigatorio, na provincia de Lugo o Ministerio de Educación investiu no pasado curso 5,1 millóns de euros en axudas concedidas a 3.300 alumnos de Bacharelato e Formación Profesional.

 

A subdelegada explicou que a aposta polas becas reforzase aínda máis para o curso vindeiro, no que se incrementa o presuposto para bolsas e axudas ao estudo en 128 millóns de euros, ata un total de 2.038 millóns de euros. Esta é a terceira suba consecutiva no presuposto para becas e supón un investimento récord dirixido a atender novos beneficiarios como consecuencia da crise da pandemia do coronavirus. Desde 2018, o Goberno aumentou esta partida en 578 millóns de euros (un 39,6%), reforzando o papel destas axudas como instrumento esencial para lograr a equidade na educación.

 

Pola súa parte, Manuel Regueiro informou que o Goberno tamén financia a contratación temporal de dúas persoas para apoiar a tramitación das bolsas académicas na xefatura territorial de Educación da provincia de Lugo.