Isabel Rodríguez comproba os preparativos para comezar a expedición do DNI europeo en Lugo

16/07/2021

A Comisaría de Lugo adiántase aos prazos previstos para cumprir a normativa europea que reforza a seguridade nos documentos de identidade

O soporte para a expedición do novo documento quedará activado a última hora da mañá

No primeiro semestre do ano, a Comisaría provincial expediu 15.400 DNIs

A Oficina do DNI conta con un equipo móbil que se despraza pola provincia para facilitar os trámites aos cidadáns


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou esta mañá a Oficina do DNI da Comisaría Provincial de Lugo na que desde hoxe se vai implantar o soporte para a expedición do DNI europeo. Na visita estivo acompañada pola xefa da Oficina, Marisol Herrán, e polo subinspector do Corpo Nacional de Policía Manuel Arias.

 

A subdelegada explicou que a Oficina do DNI da Comisaría provincial de Lugo adaptarase hoxe para poder expedir, a partir de última hora da mañá, o novo DNIe 4.0, adiantándose así aos prazos previstos para dar cumprimento á normativa europea que establece o reforzo da seguridade nos documentos de identidade dos cidadáns da  Unión Europea.

 

En España, o novo DNI europeo comezou a expedirse en Madrid no mes de xuño e estase implementando paulatinamente en todas as Unidades de Documentación de España. Está previsto que para o mes de agosto xa se expida o novo formato en todo o país. En Galicia rematará a súa implantación o día 19 de xullo na Comisaría de Vigo-Redondela.

 

O novo documento de identidade foi deseñado conxuntamente pola Policía Nacional e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, cumprindo coas características técnicas, de seguridade, funcionais e de usabilidade máis actuais. O obxectivo é proporcionar un medio de identificación seguro en todas as transaccións e trámites nos que se empregue o documento.

 

O novo DNI europeo actualiza a súa imaxe e incorpora novas medidas de seguridade. Entre os cambios que incorpora o novo modelo de DNI figura un  código de dúas letras do Estado membro –ES no caso de España- impreso en negativo nun rectángulo azul e rodeado de doce estrelas amarelas (bandeira da Unión Europea coas siglas no seu interior do país que emite o documento).

 

Este novo modelo de DNI Europeo enmárcase dentro do Programa de Identidade Dixital DNIE da Policía Nacional. O programa traballa tamén no desenvolvemento dunha aplicación gratuíta que permitirá proximamente a  calquera cidadán a acreditación da identidade e o uso da firma electrónica desde o dispositivo móbil.

 

DOCUMENTOS EXPEDIDOS NA PROVINCIA

 

A Comisaría provincial de Lugo expediu o ano pasado 23.929 documentos nacionais de identidade e durante o primeiro semestre de 2021 son xa 15.400 os que leva tramitado.

 

A meirande parte dos documentos foron expedidos na Oficina do DNI, que forma parte da Unidade de Documentación da Comisaría provincial de Lugo, onde se tramitaron o ano pasado 22.736 documentos nacionais de identidade e durante o primeiro semestre de 2021 foron 13.917.

 

Ademais de esta Oficina situada na cidade de Lugo, a Comisaría provincial conta con un Equipo Móbil que se despraza para facilitarlle os trámites de obtención do documento de identidade aos cidadáns que viven na zona rural ou que por problemas de saúde ou de mobilidade teñen dificultades para desprazarse ata as instalacións da Policía Nacional situadas na avenida de Ramón Ferreiro.

 

Este Equipo Móbil, que atende aos cidadáns de toda a provincia desprazándose aos concellos de A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Mondoñedo, Sarria, Ribadeo e Vilalba, expediu o ano pasado 1.193 DNIs e no que levamos de 2021 outros 1.483 documentos de identidade.