Isabel Rodríguez lémbralles que a protección dos cidadáns contra a pandemia mantense como prioridade das forzas de seguridade

20/07/2021

A subdelegada e o comisario xefe provincial dan a benvida aos novos axentes da XXXVI promoción da Escala Básica da Policía Nacional

Son 8 axentes, 3 mulleres e 5 homes, que completarán a súa formación na Comisaría provincial durante o próximo ano

Rodríguez recoñece o labor das forzas de seguridade na loita contra a pandemia, que compatibilizan coa defensa da seguridade cidadá e a protección das vítimas de violencia de xénero


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deulles a benvida hoxe aos novos policías en prácticas que se incorporan á Comisaría provincial para completar a súa formación. O acto de presentación dos axentes da XXXVI promoción da Escala Básica de Policía Nacional, no que tamén participou o comisario xefe provincial, José María Esteban, tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno.

 

Isabel Rodríguez deulles a benvida aos 8 axentes de prácticas, 3 mulleres e 5 homes, aos que lembrou o importante labor que ten encomendada a Policía Nacional e destacou que as forzas e corpos de seguridade levan moitos meses demostrando a súa extraordinaria vocación de servizo á cidadanía con todo o traballo de protección dos cidadáns que levan facendo durante a pandemia.

 

A subdelegada explicoulles aos policías en prácticas que “aínda que Lugo é unha cidade tranquila, nos vindeiros doce meses agárdavos moito traballo, debido aos tempos complicados que vivimos coa crise sanitaria, que puxo a proba o funcionamento de todos os servizos públicos”. Neste sentido, afirmou que “as forzas de seguridade tedes superado a proba e con nota, eu son testemuña de que tanto o Corpo Nacional de Policía como o resto das forzas e corpos de seguridade traballan incansablemente e de xeito eficaz protexendo a saúde da poboación”.

 

Rodríguez tamén tivo un recordo para os membros da anterior promoción da Escala Básica da Policía Nacional que fixeron as prácticas o último ano en Lugo, onde remataron a súa formación “en tempos moi duros” antes de xurar onte como profesionais nun acto celebrado en Santiago de Compostela.

 

“Vosoutros comezades as prácticas nun momento distinto, pero no que se mantén como prioridade a saúde das persoas”, sinalou. En todo caso, a subdelegada advertiulles que “os cidadáns esperan moito de vós, porque a Policía Nacional tamén é garante da liberdade e dos dereitos dos cidadáns”.

 

Rodríguez indicoulles que “a seguridade cidadá, a loita contra a violencia de xénero e a persecución das novas formas de delincuencia que xorden en torno ás novas tecnoloxías; en definitiva, a protección dos cidadáns é unha gran responsabilidade que se asume ao elixir unha profesión como a de policía nacional”.