José Miñones aboga por un aproveitamento do litoral que combine o uso público coa protección dos ecosistemas costeiros ante os efectos do cambio climático

25/08/2021

O delegado do Goberno visita o Concello de Camariñas e reúnese coa súa alcaldesa, Sandra Insua

O delegado destaca os proxectos que se executarán en Camariñas como a senda que conectará as praias de Area da Vila e Lingunde e a senda ciclable de Cabo Vilán, que construirá a Deputación con axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica

José Miñones confirmou a alcaldesa a disposición dos técnicos de Costas para asesorar ao Concello na busca dunha solución ás vivendas afectadas pola erosión costeira na vila


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, abogou hoxe en Camariñas por un aproveitamento do litoral que combine o uso público coa protección dos ecosistemas costeiros, esenciais polo seu labor de barreira ante os efectos do cambio climático. Así o manifestou hoxe en Camariñas, onde puxo como exemplo desta orientación os proxectos que se van desenvolver no Concello con financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

José Miñones achegouse hoxe a Camariñas onde se reuniu coa alcaldesa Sandra Insua, con quen repasou actuacións que beneficiarán á veciñanza, ao medio e ao turismo facilitando o uso público da costa e respectando o ecosistema. Así, avanzou que a Demarcación de Costas está próxima a licitar e executar a nova senda peonil que conectará as praias de Area da Vila e de Lingunde: “Unha obra aparentemente menor pero de gran interese para a veciñanza e visitantes deste Concello que poderán percorrer de xeito ininterrompido esta parte do litoral”, e que se acometerá unha vez se acade o permiso de Patrimonio da Xunta.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica tamén financiará a construción da nova senda ciclable entre a vila de Camariñas e o Cabo Vilán, que executará a Deputación da Coruña dentro do proxecto Senda dos Faros. A Deputación recibe do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do MITECO unha achega de 3,6 millóns de euros coa que o ente provincial abordará este proxecto de mobilidade sostible e que, no caso de Camariñas, incluirá un área de estacionamento de autocaravanas na contorna do Cabo Vilán.

Durante o encontro, o delegado do Goberno e a alcaldesa abordaron a problemática das vivendas que se sitúan no borde costeiro da vila de Camariñas e que están afectadas por un proceso de erosión. José Miñones reiterou a Sandra Insua a disposición de Costas do Estado para orientar ao Concello e aos propietarios no establecemento de medidas de protección destas vivendas frente a erosión causada polo mar e pola acción humana.