Policía Local e Garda Civil acordan reforzar os efectivos de cara ao control do ocio nocturno en Salceda

03/09/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Salceda xunto a alcaldesa Verónica Tourón. Durante a xuntanza analizáronse as cifras de criminalidade dos primeiros sete meses do ano e coordináronse os diferentes dispositivos policiais que se desenvolverán para garantir o cumprimento da normativa sanitaria no ocio nocturno.

A subdelegada de  Goberno, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, a Xunta Local de Seguridade desta localidade. Na reunión tamén estiveron presentes o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, e o xefe da Policía Local, entre outros mandos.

A alcaldesa de Salceda solicitara a celebración desta Xunta Local de Seguridade Extraordinaria debido aos feitos acontecidos durante os últimos fins de semana debido a alta presenza de xente nas rúas unha vez que pechan os locais de ocio nocturno. Estes acontecementos motivaran que xa na última fin de semana se reforzara a presenza da Garda Civil na localidade.

Por todo isto, durante a reunión establecéronse os diferentes dispositivos de coordinación e colaboración para afrontar os problemas derivados do ocio nocturno con patrullas conxuntas da Garda Civil e da Policía Local, que velarán polo cumprimento das medidas sanitarias vixentes.

Ademais destes operativos no casco urbano, a Garda Civil levará a cabo unha intensa vixilancia dos accesos á vila mediante diferentes controis de drogas e alcohol na localidade.

Por outra banda, os responsables policiais analizaron os diferentes datos de criminalidade da localidade relativos aos sete primeiros meses do ano. Unhas cifras que evidencian un descenso no número de delitos do 22 %, en  comparación co mesmo período do ano 2019 –non se ten en conta o ano 2020 debido a situación extraordinaria provocada polo confinamento e o Estado de Alarma-. Non obstante, a subdelegada indicou que “a pesar desta baixada xeral, tan positiva, é importante alertar sobre a preocupante subida do número de ciberdelitos, que ata o de agora tiñan unha presenza practicamente testemuñal na estatística”.

Con todo, a subdelegada asegurou que “á vista dos datos analizados, Salceda é unha localidade moi tranquila e segura, que rexistra unha baixa incidencia de criminalidade”.