María Rivas destaca que o novo incremento das bolsas do Goberno permitirá aumentar o apoio ao alumnado da Universidade da Coruña, que o curso que rematou recibiu 17,5 millóns en achegas

07/09/2021

A subdelegada do Goberno na Coruña reuniuse co reitor da UDC, Julio Abalde, con quen analizou o Plan de Recuperación do Executivo

No pasado curso 2020/21 preto de 6.000 alumnos e alumnas do centro coruñés percibiron estas achegas, un 16% más que no curso anterior

Os grupos de investigación da Universidade da Coruña percibiron 9,5 millóns de euros do Goberno no último ano para os seus traballos

A subdelegada confía en que o vindeiro ano inicie a actividade o Centro Tecnolóxico da Cidade das TIC


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou hoxe que 5.699 alumnos e alumnas da Universidade da Coruña recibiron no pasado curso 2020/21 unha bolsa de estudo do Executivo que destinou 17,5 millóns de euros a aboar estas achegas. María Rivas fixo estas declaracións tras reunirse co reitor da Universidade coruñesa, Julio Abalde, co que avaliou as oportunidades que promove o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a educación superior así como as previsións da institución para este curso, que acaba de comezar.

María Rivas puxo en valor a aposta do Goberno polas bolsas académicas como instrumento que garante a equidade do acceso á educación e sinalou o esforzo do Executivo para aumentar tanto o número de bolseiros como as cantidades adicadas. Respecto á universidade da Coruña, no pasado curso máis dun terzo do estudantado percibiu unha bolsa estatal.

Así, no curso anterior, o número de estudantes beneficiados na UDC aumentou nun 16% (900 bolsas máis) e o orzamento tamén subiu en 5 millóns de euros (un 28,5%) que serviu para financiar máis estancias e aboar máis taxas de matriculación. Lembrou que a convocatoria deste ano, que está a piques de pechar o prazo de solicitudes, conta cunha dotación histórica de 2.038 millóns de euros, cos que se prevé aumentar un 24,5% as bolsas outorgadas.

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Durante a xuntanza, a subdelegada e o reitor analizaron as oportunidades que abre o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a Universidade, concretamente a través de dúas políticas panca centradas na modernización da educación superior e na progresión da ciencia. 

Estas dúas políticas contan cun orzamento de 12.266 millóns de euros. “Sei que a Universidade da Coruña ten capacidade e potencial académico e investigador suficiente para ser referente nas dúas. Xa o demostrou nestes últimos anos, cando captou 9,5 millóns do Goberno de euros no capítulo de investigación”, apuntou María Rivas, que afirmou que “son dúas liñas de traballo ilusionantes nas que sen dúbida, a UDC estará á altura”.

A primeira política panca busca modernizar a formación e a mobilidade do seu capital humano e as súas infraestruturas.  A segunda o que persigue e garantir que a ciencia e o coñecemento das Universidades cheguen á sociedade.

Cidade das TIC

A subdelegada e o reitor analizaron tamén os avances no proxecto da Cidade das TIC, promovido pola Universidade da Coruña e que “conta co aval e apoio do Goberno de España, por tanto se sitúa en terreos cedidos polo Ministerio de Defensa”, explicou.

María Rivas expresou a súa confianza en que no ano próximo empece a funcionar xa o Centro Tecnolóxico que forma parte deste complexo, e trasladou ao reitor o apoio da Subdelegación do Goberno neste proceso.