José Miñones subliña o compromiso do Goberno co Xacobeo que se reflicte en plans de seguridade e accións de conservación e restauración no Camiño de Santiago

08/09/2021

Supervisou a restauración do núcleo de Fonfría, en Pedrafita do Cebreiro, executada polo Ministerio de Transportes cun investimento de case 600.000 euros

Na súa visita ao Concello tamén comprobou as melloras realizadas na N-6 para habilitar os desvíos de tráfico polas obras no viaduto do Castro


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, resaltou en Pedrafita do Cebreiro o compromiso que mantén o Executivo co Camiño de Santiago, a través das accións de restauración, de protección da seguridade e de dinamización económica dos distintos concellos galegos polos que pasan os peregrinos ata chegar a Compostela. José Miñones lembrou que o Goberno está actuar para garantir a seguridade dos peregrinos e executando actuacións para a conservación de monumentos e lugares de interese nas distintas rutas a Santiago.

En Pedrafita, José Miñones supervisou a actuación realizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na recuperación do núcleo rural tradicional de Fonfría e que supuxo un investimento de 596.411 euros. Coñeceu o resultado do proxecto acompañado polo alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, e pola subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez. Neste lugar, o Ministerio efectou de traballos de pavimentación, instalación de novo alumeado, así como soterramento de instalacións de saneamento, abastecemento e servizos como telecomunicacións e electricidade.

Miñones recordou que esta actuación levouse a cabo dentro do programa de melloras no Camiño de Santiago, financiado integramente polo Goberno que tamén executa outras intervencións na provincia de Lugo, nos concellos de Portomarín, Paradela e Palas de Rei, e está en licitación unha máis no municipio de Triacastela.

En relación coa seguridade dos peregrinos, o delegado do Goberno lembrou que este verán, por primeira vez, creouse a Oficina Móbil da Garda Civil de atención ao peregrino e tamén se puxo en marcha outra iniciativa pioneira consistente na campaña “Non camiñas soa” contra a violencia de xénero dirixida ás mulleres que realizan o camiño.

MELLORAS EN ESTRADAS

O delegado tamén se reuniu co alcalde para coñecer as principais necesidades do municipio e interesouse, entre outras cuestións, pola situación do tráfico en Pedrafita desde que comezou o desvío de vehículos pola travesía da N-6 como consecuencia das obras de conservación que se están a executar no viaduto do Castro da A-6.

As obras de conservación que se están a realizar no viaduto obrigan a desviar parte do tráfico da autovía, o que circula dirección A Coruña, pola N-6 ao seu paso polo núcleo de Pedrafita, para o que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realizou previamente distintos traballos de acondicionamento e mellora na travesía, así como o reforzo de sinais con leds nos cruces peonís. Os desvíos provisionais levan funcionando de forma correcta dende o pasado 12 de xullo. A Demarcación de Estradas traballa coa máxima intensidade no viaduto do Castro para restablecer canto antes o tráfico na A-6.

En Pedrafita, tamén, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, executou nos últimos meses traballos de rehabilitación do firme da autovía. Unha mellora que se encadrou na actuación de urxencia que levou a cabo o Ministerio na A-6 ao seu paso pola provincia de Lugo, con un investimento de 400.000 euros, para resolver os problemas causados no firme polos sucesivos temporais de choiva e neve do pasado inverno.