A Policía Nacional incorpora esta semana 22 efectivos na provincia de Lugo

A Policía Nacional incorpora esta semana 22 efectivos na provincia de Lugo

19/07/2019



A subdelegada do Goberno deu a benvida hoxe a 10 policías de prácticas que completarán a súa formación durante un ano na Comisaría de Lugo

Esta semana tamén se incorporaron a Lugo, Monforte e Viveiro 12 funcionarios de policía destinados á nosa provincia por promoción interna

“Traballamos para darlle unha solución ao gran déficit de plantillas que herdamos e, pouco a pouco, imos recuperando persoal para os servizos públicos que sufriron grandes recortes nos anos anteriores”, destacou Isabel Rodríguez

A subdelegada lembrou que esta mesma semana publicouse no BOE a lista de 2.900 aprobados na oposición para o ingreso na Policía


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que a Policía Nacional conta desde esta semana con 22 novos efectivos na provincia de Lugo. A subdelegada presidiu esta mañá a presentación dos 10 policías destinados á Comisaría de Lugo para facer, durante un ano, as prácticas coas que completarán a súa formación.

Tralo acto, celebrado na Comisaría provincial coa asistencia do comisario accidental José Ramiro Rodríguez e de representantes dos sindicatos de policía, a subdelegada explicou que “pouco a pouco imos recuperando persoal para os servizos públicos, neste caso a Policía Nacional que, despois de anos de recortes, recibe nunha semana o reforzo de 22 axentes, 12 profesionais destinados á provincia de Lugo por promoción interna e 10 policías de prácticas, aos que hoxe damos a benvida”.

Rodríguez recoñeceu que “compartimos cos sindicatos de policía a preocupación polo déficit de persoal e traballamos para superalo coa convocatoria de novas prazas”. Para facerlle fronte a este problema lembrou que o Goberno “acaba de publicar este martes no Boletín Oficial do Estado a relación de 2.900 aprobados na oposición para ingreso na Policía, que agora deberán facer o correspondente curso de formación”.

“Estamos no camiño de darlle unha solución ao recorte de plantillas que herdamos e aproveito para agradecerlle a todos os funcionarios de policía da provincia e aos seus mandos o excelente traballo que fan e a súa profesionalidade que permitiu suplir todas as carencias neste tempo”, concluíu a subdelegada do Goberno.

POLICÍAS DE PRÁCTICAS

Na súa benvida aos 10 policías que farán en Lugo as prácticas coas que completarán a súa formación, a subdelegada lembroulles o importante papel que desempeñan a policía e o resto de corpos de seguridade nunha sociedade democrática, pois “non son un órgano represor senón un instrumento ao servizo da sociedade, que nos garante o exercicio dos nosos dereitos, e teñen a responsabilidade de preservar a liberdade e a convivencia dos cidadáns”.

Tamén remarcou que “a igualdade e a liberdade son dous piares do noso Estado de Dereito, por iso estamos especialmente empeñados na loita contra a violencia machista e os delitos de odio”. A subdelegada incidiu ademais en que “Lugo é unha das provincias coas mellores taxas de seguridade, pero non hai que baixar a garda”.

Os 10 policías de prácticas destinados durante un ano á Comisaría provincial son 4 mulleres e 6 homes. Ata xuño do ano que vén recibirán aquí unha formación práctica, desenvolvendo fundamentalmente traballos en materia de prevención, sempre baixo a supervisión dos responsables dos distintos servizos aos que serán asignados.

POLICÍAS PROFESIONAIS

Esta semana tamén se incorporaron 12 policías profesionais que chegan á provincia de Lugo por promoción interna, tralo concurso xeral de méritos. Neste caso, trátase de 1 subinspector e 4 axentes da escala básica destinados á Comisaría provincial de Lugo, 4 funcionarios da escala básica que se incorporan á Comisaría de Monforte e outros 3 á Comisaría de Viveiro.