O Goberno concede unha prórroga á Xunta para que non perda unha subvención destinada á nova Oficina de Emprego do barrio da Residencia

Imaxe da reunion

12/12/2019


A subdelegada do Goberno informou hoxe aos representantes veciñais de que o Ministerio de Traballo ampliou nun ano o prazo para xustificar as obras subvencionadas


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social concedeulle á Xunta de Galicia unha prórroga dun ano para evitar que o Goberno galego perda unha subvención destinada á creación da nova Oficina de Emprego do barrio da Residencia.

A subdelegada do Goberno informou aos representantes veciñais, cos que mantivo unha reunión esta mañá, de que o ministerio de Traballo acordou  ampliar nun ano o prazo para que a Xunta xustifique as obras subvencionadas.

Isabel Rodríguez explicoulles que “esta é unha nova mostra de que este Goberno nunca se plantexou entorpecer ningún proxecto que beneficie aos lucenses. Nós temos como prioridade o interese dos cidadáns, por iso estamos a dar todas as facilidades, dentro da legalidade vixente, para axudar á creación de novos equipamentos no barrio”. Neste sentido, a subdelegada lembrou que o ministerio de Traballo colabora nas novas dotacións para o barrio coa cesión gratuíta dos terreos propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social e cun investimento que supera o importe de 1,2 millóns de euros, a través de dúas subvencións concedidas polo Servizo Público de Emprego Estatal. 

O prazo para a xustificación dunha das dúas subvencións concedidas polo o Estado á Xunta de Galicia, que ten un importe de 702.000 euros destinado á financiación da nova Oficina de Emprego no barrio da Residencia, rematou o pasado 13 de setembro sen que o Goberno galego puidera xustificar a realización das obras.

Para evitar que a Xunta perda a subvención e que corra perigo a creación do novo equipamento, o ministerio de Traballo autorizou a ampliación ata o prazo máximo dun ano para a realización e posterior xustificación das obras que se van financiar con esa achega do Estado.