A subdelegada do Goberno na Coruña celebra a definitiva incorporación da Policía Local de Santiago ao sistema Viogen de loita contra a violencia machista

Imagen de la reunion

08/05/2019


Pilar López-Rioboo resalta a leal colaboración institucional que permite a incorporación da Policía Local de Santiago ao sistema de prevención e control das vítimas da violencia de xénero

Nos últimos meses son catro os concellos da provincia coruñesa incorporados ao sistema Viogen e outros dez constituiron ou están en proceso de constitución as mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

Os índices de criminalidade rexistrados en 2018 manteñense en porcentaxes similares aos do ano anterior e tanto o alcalde como a subdelegada do Goberno resaltan a eficaz colaboración das forzas e corpos de seguridade


A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, trasladaou hoxe ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a súa satisfacción e felicitación pola incorporación da Policía Local de Santiago ao sistema Viogen contra a violencia de xénero, tal como se acordou na reunión da Xunta Local de Seguridade presidida conxuntamente pola subdelegada e o rexidor compostelán, acompañado polo edil de Medio Ambiente, Xan Duro.

Na reunión, na que estiveron representantes da Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local, acordouse de maneira definitiva a adhesión do Concello de Santiago ao protocolo establecido entre o Goberno de España e a FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero, que permitirá a incorporación da Policía Local de Santiago ao sistema de prevención e control das vítimas.

Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde para conquerir esta incorporación, que permitirá incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que posibilitará que a Policía Local participe de forma máis activa do proceso de seguimento, vixilancia e prevención das vítimas de violencia machista.

Segundo os datos da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación de Goberno da Coruña, no municipio de Santiago hai actualmente 127 casos activos de violencia de xénero. Non hai ningún caso de risco extremo, aínda que existe un caso de risco alto, sendo o resto de risco medio, baixo ou non apreciado. O número total de casos activos na provincia da Coruña é de 1.518, polo que a porcentaxe de casos de Santiago respecto á provincia é do 8,36%. O número de casos activos na cidade mantense en termos similares aos últimos anos, xa que en decembro de 2017 había 139, doce máis que actualmente.    

Pilar López-Rioboo felicitouse pola decisión do Concello de Santiago, que permitirá a integración de maneira definitiva da Policía Local no sistema Viogen de loita contra a Violencia de Xénero, impulsado polo Goberno para promover as actuacións necesarias para as policías locais, no marco da súa colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para que cooperen en asegurar o cumprimento das medidas acordadas polos órganos xudiciais.

Para esta mellora en materia de coordinación, e de acordo ao recollido no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é preciso contar cun convenio entre Ministerio de Interior e o Concello, xa asinado, para que a Policía Local poida protexer ás posibles vítimas unha vez valorado o nivel de risco polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

 

A loita contra a violencia de xénero é un dos eixos fundamentais da acción da Delegación do Goberno en Galicia e da propia Subdelegación do Goberno na Coruña. De feito, nos últimos meses son xa catro os municipios incorporados ao sistema Viogen (Teo, A Coruña, Ames e Santiago), mentras que outros dous, Culleredo e Laracha, teñen avanzado este proceso. Desta maneira, son doce municipios coruñeses integrados neste sistema que comparte as bases de datos policiais.

Ademáis, son 28 os concellos que contan xa coa mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero creada ou en fase de creación. En xuño de 2018 esta cifra era de 18.  

A posta en marcha da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional está prevista na Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. A mesa constitúe un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados na loita contra a violencia de xénero e co obxectivo de optimizar todas as posibles actuacións que se precisen desenvolver.

 

Normalmente integran as mesas, ademáis da representación da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia e da Subdelegación do Goberno, representantes do Concello, Centro de Atención á Muller, Policía Local, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, centros educativos, servizos sanitarios, servizos sociais, etc.

Entre as súas funcións figuran, entre outras, o establecemento de criterios comúns para a detección e atención en casos de risco, impulsar a posta en marcha de estratexias de sensibilización dirixidas a toda a poboación ou colectivos específicos, dar a coñecer as líneas concretas de actuación de cada ámbito representado, e analizar posibles situacións de descoordinación e plantexar propostas de mellora.

 

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que os índices de criminalidade manteñense similares aos últimos datos manexados.

Neste sentido, en Santiago houbo cifras similares ás de periodos anteriores nas que destaca o incremento de delitos relacionados coas novas tecnoloxías e de maneira fundamental os relativos ás estafas nas compras por internet.

É importante destacar que tanto a subdelegada do Goberno como o alcalde mostraron a súa satisfacción pola boa coordinación das forzas de seguridade. Dentro de este contexto abordouse a coordinación das medidas de seguridade co motivo das próximas Festas da Ascensión.