Diminúe un 7% a delincuencia en Sarria no primeiro cuadrimestre do ano

Diminúe un 7% a delincuencia en Sarria no primeiro cuadrimestre do ano

28/05/2019



A subdelegada do Goberno e a alcaldesa en funcións copresiden a Xunta Local de Seguridade que tamén analizou os dispositivos de seguridade para eventos festivos como o San Xoán

Entre xaneiro e abril rexistráronse en Sarria 5 denuncias por violencia de xénero


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa en funcións de Sarria, Pilar López,  copresidiron este martes a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a evolución da delincuencia neste concello e se tratou dos dispositivos de seguridade para os eventos festivos que se celebrarán durante o verán. Ademais da subdelegada do Goberno e a rexedora municipal, na xuntanza, que se celebrou esta mañá na Casa do Concello, participaron na reunión representantes da Garda Civil e o Subsector de Tráfico, da Policía Autonómica e da Policía Local.

En canto á evolución da delincuencia no que vai de ano, Isabel Rodríguez informou de que, de acordo cos datos oficiais da Garda Civil, no primeiro cuadrimestre de 2019 rexistráronse 9 denuncias menos por infraccións penais en Sarria que nos mesmos meses do ano pasado. Concretamente, de xaneiro a abril deste ano denunciáronse 119 infraccións penais, 58 delas foron por delitos graves ou menos graves e 61 por delitos leves.

Esta cifra supón unha diminución do 7,03% respecto ao mesmo período do ano anterior, xa que nos catro primeiros meses de 2018 denunciáranse 128 infraccións penais.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Outro aspecto que analizou a Xunta Local de Seguridade foi a incidencia neste Concello da violencia de xénero. No que levamos de 2019, entre os meses de xaneiro e abril, rexistráronse 5 denuncias por violencia de xénero. En todo o ano 2018 computáronse 15 denuncias por este motivo e en 2017 a cifra fora de 12.

ANO 2018

A subdelegada do Goberno detallou ademais que a taxa de criminalidade de Sarria no ano 2018 foi do 28,33, semellante á de Galicia, que se situou no 28,9, e moi inferior á de España, que estivo no 45,6.

No conxunto do ano 2018 rexistráronse 378 infraccións penais no concello de Sarria, das que 186 foron graves e menos graves e 192 delitos leves.

PLANS DE SEGURIDADE

A Xunta Local de Seguridade de Sarria tamén pasou revista aos distintos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, como son o Plan de Seguridade Xacobea e o Plan Director para a Convivencia e mellora da seguridade escolar nos Centros educativos.

Isabel Rodríguez lembrou que Sarria foi, precisamente, o concello no que o delegado do Goberno presentou o Plan de Seguridade Ruta Xacobea 2019 despregado pola Garda Civil para a protección dos peregrinos.

Este Plan desenvólvese todo o ano, pero faise un esforzo especial en datas como o verán. O seu obxectivo é proporcionar atención e seguridade aos peregrinos, ademais de vixiar e protexer os bens que integran o Patrimonio Histórico e Cultural. Na anterior edición, a Garda Civil realizou en total 31.597 servizos relacionados coa seguridade dos peregrinos nas distintas rutas que, como o Camiño Francés, levan a Santiago de Compostela, incluíndo tanto auxilios sanitarios e informativos como intervencións por delitos ou infraccións administrativas. Neste ano, as principais novidades deste Plan son as patrullas mixtas formadas por membros da Garda civil e de corpos policiais de países estranxeiros nos períodos de maior afluencia de peregrinos internacionais.

Ademais, a subdelegada do Goberno destacou que no que vai deste curso académico, a Garda Civil impartiu 12 charlas a escolares e ás AMPAS do CEIP Antonio Fernández López e do CPR A Mercede e sobre temas como os riscos na Internet e as novas tecnoloxías, acoso escolar, violencia de xénero ou drogas e alcohol, así como unha conferencia para o Claustro de profesores do CEIP Frei Luís de Granada sobre protección de datos.

OPERATIVOS PARA AS FESTAS

Na xuntanza, tamén se estudaron os dispositivos de seguridade que se porán en marcha en Sarria con motivo da celebración dos distintos eventos festivos que se terán neste concello durante o verán, que atraen a gran número de persoas, tanto veciños como visitantes que disfrutan da variada oferta festiva, cultural e gastronómica.

Fíxose especial fincapé na organización do dispositivos de seguridade para as festas de San Xoán, unha celebración que congrega en Sarria numerosas persoas atraídas tanto pola fogueira como polas orquestras que actúan nas verbenas, dado que este evento é o máis representativo dos que festexan o San Xoán en toda a comarca.