Lugo conmemora o 175 aniversario da Garda Civil

Lugo conmemora o 175 aniversario da Garda Civil

30/05/2019

A subdelegada do Goberno felicita aos gardas civís da provincia, agradece que sempre estean dispoñibles cando un cidadán os necesita e anímaos a reforzar a protección de maiores, infancia e vítimas de violencia de xénero

Isabel Rodríguez presidiu a celebración do 175 aniversario da fundación da Garda Civil, que se celebrou na Comandancia de Lugo

O coronel xefe da Comandancia destacou que a Garda Civil naceu, en 1844, para acabar coa inseguridade causada polos bandoleiros e lembrou que un cabo e 20 gardas civís, instalados no Convento da Nova, foron os primeiros en protexer aos lucenses


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu esta mañá o acto co que se conmemorou en Lugo o 175 aniversario da fundación da Garda Civil, organizado pola Comandancia da Benemérita na provincia e no que estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia, Miguel Ángel González Arias. A subdelegada destacou  “o agradecemento e a fonda admiración que os lucenses sentimos cara a Garda Civil, porque estades dispoñibles sempre, nas estradas e nas corredoiras, nas vilas e nas aldeas, cando un cidadán precisa de vós”.

A celebración, que tivo lugar no patio de armas da Comandancia de Lugo, reuniu ás principais autoridades lucenses. Asistiron ao acto a alcaldesa en funcións, Lara Méndez; o presidente da Deputación en funcións, Darío Campos; o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Balseiro;  o presidente da Audiencia provincial, José Antonio Varela Agrelo e  o fiscal xefe, Roberto Brezmes, entre outros.

Na súa intervención, a subdelegada do Goberno lembrou a importancia que ten para Lugo a Garda Civil “polos servizos que lle prestou á comunidade desde o primeiro momento” e destacou que, aínda que pasaron 175 anos desde a fundación do corpo, en maio de 1844, “seguen plenamente vixentes os motivos que xustificaron a creación deste Corpo de seguridade pública”.

“A protección eficaz das persoas, para que poidan vivir e exercer os seus dereitos en liberdade, e das súas propiedades seguen a ser a misión da Garda Civil nun tempo no que a delincuencia evoluciona ao par que o fai a sociedade”. Por iso, a subdelegada remarcou a necesidade de “reforzar a protección dos colectivos máis vulnerables, como son os nosos maiores, nunha comunidade cada vez máis envellecida; a atención a vítimas de violencia de xénero e da poboación infantil, que é presa fácil de situacións de acoso ou abusos”.

Destacou tamén que “a seguridade hoxe tamén pasa pola loita contra as novas formas de delincuencia que aproveitan as novas tecnoloxías para cometer os cada vez máis frecuentes delitos de estafas e fraudes”. Neste sentido, Isabel Rodríguez considerou que “aparecen novas formas de delincuencia, pero a Garda Civil sabe plantarlles cara e mantén a mesma vitalidade e enerxía do primeiro día desde hai 175 anos”.

O NACEMENTO DA GARDA CIVIL

A celebración do 175 aniversario da fundación da Garda Civil comezou coa lectura dos decretos fundacionais do Corpo, “una fuerza especial destinada a proteger eficazmente las personas y las propiedades”, tal como o define o Real Decreto de 26 de xaneiro de 1844.

O coronel xefe da Comandancia de Lugo lembrou que a Garda Civil naceu nun momento no que o Goberno de España trataba de sentar as bases dun Estado moderno, e nun contexto histórico no que a poboación vivía unha situación de moita inseguridade.

Foron esas circunstancias históricas as que  motivaron a creación do Instituto da Garda Civil, en 1844, no reinado de Isabel II, que só tiña daquela 14 anos. A presentación oficial do Corpo fíxose en Madrid o 1 e setembro, o mesmo día da designación do Duque de Ahumada como primeiro inspector xeral da Garda Civil. Pouco más de un mes despois, o 11 de novembro, chegaron a Lugo 20 gardas civís ao mando dun cabo, que se instalaron ata ben entrado o século XIX no Convento da Nova.

En Lugo, como no resto de España, explicou o xefe da Comandancia, a creación da Garda Civil foi unha medida eficaz pois foi quen de acabar coas partidas de bandoleiros e asaltantes - como as do Botijas, Curro Jiménez, Salinas, Caparrota ou Ramón Pujol- que actuaban impunemente nos camiños e nas vilas.

Nos actos de  celebración do 175 aniversario da fundación da Garda Civil tamén se lembrou aos falecidos do Corpo, aos que se tributou unha homenaxe e depositouse unha coroa de loureiro no monumento aos caídos