A segunda fase do Plan de Axuda Alimentaria chegará a 58.000 galegos e galegas que percibirán 1,7 millóns de quilos de alimentos

Imaxe de arquivo

25/09/2019


A Delegación do Goberno en Galicia, a través da Área Funcional de Agricultura, coordina a entrega aos nove centros de reparto que xestionan Banco de Alimentos e Cruz Vermella

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación puxo en marcha este programa que destina nesta segunda fase a Galicia 1,67 millóns de euros


A Delegación do Goberno en Galicia, a través da Área Funcional de Agricultura, está coordinando as entregas de alimentos correspondentes á segunda fase do “Programa 2019 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”. Nestos días estánse a repartir 1.688.447 quilos de alimentos entre nove centros de almacenaxe distribuídos nas catro provincias e que son xestionados polas dúas entidades designadas polo Ministerio de Agricultura para este programa: Banco de Alimentos e Cruz Vermella. Estas dúas organizacións distribuirán  finalmente os  alimentos  que  reciben  do FEGA  a  439  organizacións asociadas de reparto, entre as que están asociacións, comedores sociais e concellos, que, á súa vez, atenden a  58.094 persoas necesitadas en situación de dependencia social e/ou económica.

O investimento total destinado á compra de alimentos para adquirir os alimentos desta segunda fase en Galicia ascende a 1,67 millóns de euros, achegados polo Goberno Central e a Unión Europea. Na campaña do ano 2018, o investimento do Programa en Galicia alcanzou os 3,79 millóns de euros e os 4.458.252 de quilos de alimentos.

Segunda fase do Programa de Axuda Alimentaria 2019. Datos de Galicia
  Cantidade alimentos (en kg) Valor económico Nº CAD Nº OAR Nº beneficiarios
A Coruña 490.074,56 481.873,89 3 109 17.048
Lugo 251.993,84 247.685,70 2 73 8.160
Ourense 300.459,84 301.038,35 2 124 10.402
Pontevedra 645.918,64 634.805,00 2 133 22.484
Galicia 1.688.446,88 1.665.402,94 9 439 58.094

PROGRAMA 2019

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha “Programa 2019 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”, que se desenvolve en tres fases, dúas delas no ano 2019 e a terceira no primeiro trimestre de 2020.

Ao longo desas tres fases repartiranse un total de 96.432.127 quilos no conxunto do país. Estes alimentos adquiríronse a través dun proceso de licitación pública por máis de 92 millóns de euros (sen incluír o IVE). O programa está cofinanciado nun 85% polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15% polo orzamento nacional.

Os alimentos adquiridos son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento. Entre eles, arroz, garavanzos cocidos, leite enteiro UHT, aceite de oliva, atún en conserva, sardiñas en conserva, pasta alimenticia, galletas, froita en conserva ou tarritos infantís de froita e de pito. Desta forma, os beneficiarios finais –1,3 millóns en toda España- poderán preparar facilmente unha comida completa para unha persoa ou para unha familia con varios membros, incluídos bebés.