O Goberno aproba a cesión á Xunta da antiga escola de Enfermería para crear a Oficina de Emprego de Lugo, que será cofinanciada polo Estado

Imaxe de arquivo da subdelegada

04/11/2019


A subdelegada do Goberno informa de que o Ministerio de Traballo autorizou a proposta de cesión do uso a favor da Xunta por un prazo de 20 anos prorrogable

A Tesourería Xeral da Seguridade Social autorizara en xullo a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería para axilizar o comezo das obras


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social aprobou a cesión á Xunta de Galicia da antiga escola de Enfermería de Lugo para crear a nova Oficina de Emprego da cidade, que cofinancian as dúas administracións.  O Estado achegará 1.227.200 euros para a creación da nova dotación do servizo público de Emprego.

A cesión de uso do edificio da antiga Escola de Enfermería, que é propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social,  farase gratuitamente e por un prazo de 20 anos, que será prorrogable por ambas partes.

A subdelegada explicou que a resolución xa lle foi comunicada á Xunta e a cesión será efectiva tan pronto as dúas administración asinen o preceptivo convenio.

A Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a propietaria da totalidade dos terreos ocupados polo antigo Complexo do Hospital Xeral de Lugo, autorizou en xullo a ocupación temporal da antiga escola de Enfermería, coa finalidade de facilitar o comezo das obras antes de que se produza a formalización do documento de cesión.

Esa autorización produciuse logo de aceptar a retrocesión por parte da Xunta do edificio denominado Escola Universitaria de Enfermería, actualmente Pavillón administrativo ou Unidade de Saúde Mental.

O  Consello da Xunta aprobou o 2 de maio a retrocesión do inmoble á Tesourería Xeral da Seguridade Social, que a aceptou con data 12 de xuño.