O subdelegado do Goberno en Ourense trasladou as actuacións de acondicionamento e mellora que se están a realizar na N-120 ao representante de APETAMCOR

O subdelegado do Goberno en Ourense trasladou as actuacións de acondicionamento e mellora que se están a realizar na N-120 ao representante de APETAMCOR

20/11/2019

Emilio González sinalou que dende o primeiro momento dos desprendementos se está a traballar ininterrompidamente na estabilización do terreo

Fixo constar que é preciso priorizar a seguridade do tráfico e dos traballadores por tratarse dunha obra complexa

O subdelegado salientou que o Goberno está a traballar nas necesidades que ten a provincia de Ourense en materia de vías de comunicación


O subdelegado do Goberno en Ourense mantivo na mañá de hoxe unha reunión co representante de APETAMCOR (Asociación Empresarial de Mercadorías por Estrada de Galicia) na que se deu traslado das actuacións que se están levando a cabo tralo corte por desprendementos na estrada N-120, así como das obras de mellora previstas.

Emilio González entende a preocupación dos transportistas, posto que esta vía supón para o tráfico pesado a segunda máis importante da provincia despois da A-52.

Así mesmo, sinalou que é preciso priorizar a seguridade do tráfico e dos traballadores, ao ser necesario sanear os bloques inestables e soster coa seguridade adecuada a zona do talud afectado polos desprendementos, non sendo posible concretar unha data exacta de reapertura da N-120.

O subdelegado salientou que está en permanente contacto co Ministerio de Fomento e coa Unidade de Estradas do Estado en Ourense e que dende o día 8 de novembro, no que se produciron os desprendementos no PK 563+000 da marxe esquerda da N-120 sen causar danos a persoas nin vehículos, se está a traballar de forma continua na limpeza, saneo e estabilización do talud. Unha vez se consiga estabilizar, abrirase un carril habilitado con semáforos ao tráfico, mentres proseguen ao mesmo tempo as obras.

A decisión de cortar o tráfico no tramo da N-120 comprendida entre o PK 558+220 e o PK 564+600 adoptouse por seguridade, desviando os vehículos lixeiros pola N-120A (9 km cun recorrido adicional aproximado de sete minutos).

Para vehículos articulados a N-120 está cortada dende o P.K. 526+500 (Monforte de Lemos) ata o P.K. 564+600 (Velle),  cun desvío a través da N-540 entre Ourense e Chantada e a vía autonómica CG 2.1 entre  Chantada e Monforte (cun recorrido adicional de 23 km e 23 minutos).

Así mesmo, Emilio González afirmou que “se seguirá traballando para garantir a seguridade da N-120”, sinalando que o 14 de maio se aprobou un proxecto de rehabilitación do firme nos termos municipais de Rubiá,O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín, A rúa e Larouco cunha inversión de 1,6 millóns de euros e que se atopan en redacción proxectos para a implantación de carrís de adiantamento na N-120 nos termos municipais de Ourense, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.

O subdelegado incidiu en que “dende o primeiro momento o Goberno está a traballar nas necesidades que ten a provincia de Ourense en materia de vías de comunicación, mellorando sustancialmente dende hai un ano a A-52 e a A-75, así como outras estradas da provincia”.