Isabel Rodríguez anuncia que Transportes xa asinou os contratos das sete propostas para deseñar o sistema de protección antinéboa na A-8

 Isabel Rodríguez anuncia que Transportes xa asinou os contratos das sete propostas para deseñar o sistema de protección antinéboa na A-8

12/05/2020

O Goberno investirá máis de 2 millóns de euros na primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora, consistente no deseño, construción e experimentación con prototipos de solución innovadoras fronte á néboa nun treito de proba

Tres das propostas baséanse en sistemas de axuda á condución con néboa e as outras catro son para desenvolver solucións innovadoras de illamento, eliminación ou desprazamento da néboa


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xa asinou todos os contratos coas empresas seleccionadas para deseñar o sistema de protección antinéboa da Autovía A-8. Isabel Rodríguez destacou que o Goberno investirá máis de 2 millóns nesta primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora, que consiste no deseño, a construción e a experimentación con prototipos de solucións innovadoras para facerlle fronte a néboa nunha zona de proba anexa ao treito da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.

A subdelegada explicou que esta primeira fase está en marcha logo da  publicación, tanto no Boletín Oficial do Estado como no Diario Oficial da Unión Europea, de todos os anuncios de formalización de contratos por parte da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coas distintas empresas adxudicatarias.

A Compra Pública Innovadora desenvólvese en competencia por fases temporais que son de carácter eliminatorio, ata seleccionar as mellores solucións para resolver o problema da néboa.

-          A Fase 1 consiste na demostración da viabilidade das solucións propostas. Nela, cada un dos adxudicatarios debe realizar os estudos e demostracións necesarios que permitan comprobar a eficacia e a viabilidade técnica e económica de cada proposta.

-          A Fase 2 de construción e experimentación en campo a escala real con 4 prototipos seleccionados na primeira fase, 2 por cada lote, co fin de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nun contorno real nas condicións de néboa características do treito da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.

Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados.

SETE PROPOSTAS

A Fase 1 organizouse en 2 lotes e un total de sete contratos de servizos.

Os tres contratos do lote 1 son para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistema de axuda á condución en situacións de néboa e suporán un investimento total de 722.675 euros (impostos incluídos).

 

As tres propostas seleccionadas consisten en:

·        Un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser

·        Un sistema de sinalización horizontal con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada

·        Un sistema baseado no uso de balizas intelixentes

Os contratos foron adxudicados a TECNIVIAL, S.A. por un importe de 241.999 euros, Tree Tecnology S.A. por importe de 240.690 euros e á UTE formada por. Sener Ingeniería y Sistemas, S.A. e API Movilidad, S.A, por 239.985 euros

En canto ao lote 2, son catro os contratos para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento. Neles vanse investir 1.317.956 euros.

Neste caso, as propostas baséanse en:

·        Un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos

·        Barreiras aerodinámicas cortaventos de porosidade variable

·        Estruturas de formigón abovedadas sobre cada calzada con aberturas laterais en toda a súa lonxitude

·        A combinación de barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluido-mecánicos

Os contratos foron adxudicados a CHM Obras e Infraestructuras, S.A, por un importe de 362.346 euros; Construcciones San José, por 322.469 euros;  a UTE formada por Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L. y Estructuras y Montajes de Prefabricados S.A, en 271.152 euros; e Técnica y Proyectos S.A. por importe de 361.988 euros.