A Delegación do Goberno destaca que os agricultores galegos máis novos aumentan as súas achegas ata os 534.000 euros

A Delegación do Goberno destaca que os agricultores galegos máis novos aumentan as súas achegas ata os 534.000 euros

17/08/2020


Galicia suma 213 persoas beneficiarias desta achega, con 2.561,97 hectáreas explotadas

O Ministerio de Agricultura xa adoptou medidas fronte á COVID-19 como a redución do IRPF agrogandeiro, que supuxo 7 millóns de euros de beneficio para as galegas e os galegos

O Goberno insiste en establecer un escudo social fronte á pandemia con medidas en diferentes ámbitos


A Delegación do Goberno destaca que as mozas e os mozos que realizan a súa actividade no ámbito da agricultura aumentaron as súas achegas ata os case 534.000. Esta aportación corresponde ao pago complementario a mozos, triplicado dende 2017.

O delegado do Goberno, Javier Losada, explicou que son 213 persoas en Galicia as que reciben esta achega. En total perciben 533.784,03 euros, que corresponden a 2.561,97 hectáreas explotadas. Esta liña é un dos alicerces básicos da Política Agraria Común, que conta co pago complementario, polo que aumenta un 50% o valor dos dereitos de pago básicos das persoas titulares, e por outro a asignación dos dereitos da reserva nacional, que perciben todos os mozos que cumpran os requisitos.

A Delegación do Goberno subliña o importante labor do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, por Galicia. O seu compromiso queda patente tanto no ámbito da agricultura e a gandería coma no da pesca, cos 30 millóns de euros publicados a semana pasada para os profesionais que tiveron que suspender ou reducir a súa actividade pola pandemia.

No ámbito dos pagos complementarios a mozos agricultores obsérvase que dende 2017 triplicáronse os fondos totais, de 18,6 millóns entonces ata os 61,6 de agora. Existe un incremento parecido nos fondos da reserva nacional básica, que agora conta cunha media anual de 18 millóns de euros, fronte aos 5 por campaña do periodo 2007-2014.

Segundo os datos publicados polo Ministerio, os bos resultados desta última campaña, correspondente a 2019, están relacionados co feito de que as convocatorias de achegas á primeira instalación son moi atractivas. Vincúlao tamén co incremento do pago complementario, duplicado do 25% ao 50% dende a campaña 2018.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación xa adoptou medidas económicas vinculadas á pandemia da COVID-19. En concreto, estableceu unha redución dos índices do IRPF de 2019 na actividade agrogandeira, que supuxo un beneficio de en torno a 7 millóns de euros para as galegas e os galegos. Tamén fixo unha transferencia á Xunta de 12,3 millóns de euros, dos que 9,8 foron directamente para o Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Estas últimas medidas enmárcanse na aposta do Goberno por establecer un escudo social fronte á COVID-19. É a primeira vez que se aborda unha crise con inxección de fondos en lugar de recortes. Vén a complementar outras medidas previas para combatir á falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o Ingreso Mínimo Vital.

As aportacións económicas directas do Goberno teñen un impacto en Galicia de ao redor de 400.000 persoas. Tamén hai partidas directas de inxección de liquidez pública, coma o reparto destes fondos de servizos sociais, os entregados de maneira directa a sanidade ou os dados á autonomía, pendentes de novos repartos das sucesivas partidas, para afrontar os gastos derivados da pandemia.