A REMER de Pontevedra realiza un simulacro para comprobar a eficacia da rede de comunicacións vía radio da provincia

A REMER de Pontevedra realiza un simulacro para comprobar a eficacia da rede de comunicacións vía radio da provincia

20/10/2020

O exercicio tivo como obxectivo comprobar a capacidade, operatividade e cobertura  en caso de producirse unha emerxencia e non dispor dos medios tradicionais de comunicación.

A Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) da Subdelegación do Goberno en Pontevedra realizou este domingo un exercicio de comunicacións para comprobar a operatividade e cobertura de radio en caso de emerxencia na provincia. O simulacro recreou unha situación de emerxencia provocada por unha cicloxénese explosiva que causou a caída de todas as comunicacións tradicionais na demarcación provincial.

Entre os obxectivos da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) atópase constituír un sistema de comunicacións alternativo e complementario ás redes de comunicación utilizadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior para dar resposta en caso de situacións límite. O exercicio buscaba avaliar a cobertura das comunicacións na provincia e comprobar a capacidade de coordinación das diferentes zonas nas que están organizados os colaboradores co obxectivo de detectar posibles deficiencias e propor melloras nos procedementos.

Durante o simulacro, que completouse con éxito, dende o Centro Operativo coordináronse as comunicacións cos responsables de cada unha das cinco áreas nas que está organizada a estrutura da REMER na provincia. Debido a situación de alerta sanitaria non foi necesario que os colaboradores realizaran desprazamentos e puideron comprobar todas as comunicacións desde a súa casa.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quixo agradecer “a todos os voluntarios da REMER, e en especial aos participantes neste simulacro, a súa dedicación desinteresada, compromiso e dispoñibilidade para facer fronte ás situacións de emerxencia”. Larriba destacou que Pontevedra conta con máis de medio centenar de voluntarios integrados nesta rede, preparada para garantir as comunicacións ante calquera situación de emerxencia na provincia.

Unha rede nacional para atender as comunicacións en emerxencias

A Rede Radio de Emerxencia é unha organización complementaria da Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. A nivel provincial, depende dos respectivos Delegados e Subdelegados do Goberno nas diferentes Comunidades Autónomas e provincias. O seu labor fundamental consiste en achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións entre os distintos servizos implicados nos sinistros e proporcionar información ampla e puntual das circunstancias e evolución dos mesmos.

Esta rede cobra especial importancia cando as infraestruturas e instalacións terrestres presentan vulnerabilidade en certas situacións de especial emerxencia ou catástrofe; cando as telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas, conxestionadas ou desbordadas; ou cando existe unha falta de cobertura en zonas de emerxencia de lugares remotos.

A rede está integrada por radioaficionados que de forma voluntaria intégranse na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte de REMER preto de 4.000 colaboradores, 53 deles en Pontevedra, que prestan un servizo de forma altruísta.

Ao tratarse de equipos persoais, autónomos e independentes dos servizos de comunicación profesional de Protección Civil, os radioaficionados poden ser en ocasións a única alternativa eficaz nas comunicacións ante calquera eventual fallo doutras vías. Para pertencer a esta Rede hai que contar co título de operador de radio e a pertinente licenza da Dirección Xeral de Telecomunicacións. Os membros da REMER contan con varios equipos de transmisións e están localizados as 24 horas do día, o que posibilita a súa incorporación inmediata en caso dunha emerxencia (inundacións, incendios forestais, terremotos, accidentes de especial relevancia, etc.). Na provincia, a rede está estruturada en cinco zonas de traballo, que cobren a totalidade do seu territorio: Pontevedra-Morrazo, Caldas-Salnés, Deza-Tabeirós, Vigo-Baixo Miño e Condado-Paradanta.