A subdelegada do Goberno participa na presentación do XLII Rally San Froilán

Imagen presentación rally San Froilán

15/10/2020

A proba terá lugar nos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Friol e O Corgo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe na presentación do XLII Rally San Froilán que tivo lugar esta mañá na Praza de San Marcos, coa presenza, entre outros, do Deputado da Área de Deportes, Efrén Castro; o concelleiro de Deportes, Miguel Fernández; o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Otero, a vicepresidenta da Escudería Miño, Mayte Vilanova, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván H. Corral.

 

Isabel Rodríguez chamou a atención sobre as extraordinarias circunstancias nas que se vai desenvolver este ano a histórica proba automobilística lucense debido á pandemia do coronavirus. Por este motivo, a subdelegada fixo un chamamento a corredores e afeccionados para que, ademais de respectar tanto a sinalización como as normas de seguridade, cumpran escrupulosamente coas normas sanitarias marcadas pola Xunta de Galicia. “Estamos diante dun problema de saúde gravísimo e non hai escusa para saltar a normativa”, advertiu.

 

Rodríguez lembrou que tanto a Garda Civil como a Policía Nacional, o subsector de Tráfico e a Xefatura provincial de Tráfico colaboran coa organización na seguridade da carreira e desexou que esta sexa un éxito e “todos poidamos recordar esta edición non polas restricións sanitarias, senón polos éxitos deportivos dos corredores”.

 

A 42 edición do Rally San Froilán desenvolverase entre os días 16 e 18 de outubro. Este ano a proba disputarase nos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Friol e O Corgo, con un percorrido de 344 km dos que 104 corresponden a treitos cronometrados por estradas asfaltadas que estarán pechadas ao tráfico.