Isabel Rodríguez analiza a aplicación na provincia das novas medidas extraordinarias do Goberno para protexer aos traballadores afectados pola pandemia

Imagen subdelegada reunión SEPE

11/11/2020

• A subdelegada lembra que, ata o día 30, está aberto o prazo para solicitar o novo subsidio especial por desemprego

• O SEPE abonou en outubro 7,2 millóns de euros a 13.643 lucenses afectados por ERTEs, unha cifra que pode aumentar debido ao peche da hostalaría decidida pola Xunta

• A oficina de emprego de Burela suspende a atención presencial en aplicación do protocolo COVID. Mentres dure o peche, o SEPE prestará o servizo por vía telemática


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe as medidas extraordinarias de protección dos traballadores prexudicados pola pandemia que está a desenvolver o Executivo de Pedro Sánchez desde o comezo da crise sanitaria e que veñen de ser ampliadas nas últimas semanas. A subdelegada analizou hoxe coa directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, Estefanía Pita, a aplicación na provincia das medidas extraordinarias postas en marcha este mes para axudar aos traballadores afectados pola crise económica causada pola pandemia.

 

A subdelegada informou de que o SEPE abonou o pasado mes de outubro na provincia 7.215.403 euros en prestacións por ERTEs a 13.643 lucenses. Esta cifra aumentará, previsiblemente, no mes de novembro, debido a que entre as novas restricións decididas pola Xunta para frear a expansión do coronavirus figura o peche dos establecementos de hostalería nos concellos de Lugo, Viveiro, Burela e Monforte.

 

Isabel Rodríguez destacou que o Goberno acaba de ampliar nos últimos días a protección aos traballadores, coa aprobación o pasado día 3, dun Real Decreto que contén as seguintes medidas:

 

  -          Creación dun subsidio especial por desemprego para aquelas persoas que entre o 14 de marzo de 2020 e o 30 de xuño de 2020 viran extinguida as prestacións por desemprego contributiva, subsidios ordinarios por desemprego, subsidio extraordinario por desemprego, renda activa de inserción e non ter dereito a protección por outra vía.

O prazo para presentar a solicitude está aberto desde o día 5 e finaliza o 30 de novembro. É importante destacar que este prazo de solicitude é improrrogable, polo que calquera solicitude presentada fóra da devandita data será denegada.

Neste subsidio non será necesario cumprir o mes de espera dun mes nin acreditar a carencia de rendas nin a existencia de responsabilidades familiares. A duración será de tres meses e o importe é o 80% do IPREM, é dicir, 430, 27€ actualmente.

 

-          Ampliación do dereito para artistas en espectáculos públicos en desemprego con motivo do COVID-19 ata o 31 de Xaneiro de 2021.

 

-          Subsidio por desemprego excepcional para persoal técnico e auxiliar do sector da cultura. Serán beneficiarias deste subsidio por desemprego excepcional as persoas traballadoras que prestasen os seus servizos temporalmente por conta allea como persoal técnico ou auxiliar no sector da cultura para realización dun evento, unha obra ou espectáculo público, calquera que sexa o soporte de difusión, que cumpran os requisitos xerais, acrediten cotizar polo menos 35 días entre o 1 de Agosto de 2019 e o 4 de Novembro de 2020, días que non computasen para un dereito anterior e durante o que se traballou como persoal técnico ou auxiliar para empresas do sector da cultura incluídas nalgunha das actividades previstas nos CÓDIGOS CNAE 5912, 5915, 5916, 5920, ou entre o 9001 e o 9004.

A contía será, tamén neste caso, o 80% do IPREM mensual vixente, é dicir, 430, 27 €.

O prazo de solicitude abriuse o día 6 e rematará o 26 de novembro de 2020, ambos inclusive.

 

COMPROMISO DO PERSOAL DO SEPE

Isabel Rodríguez remarcou o compromiso e o valioso traballo que está a desenvolver desde que comezou a pandemia todo o persoal que ten o SEPE na provincia de Lugo, grazas ao cal o pago das prestacións está ao día, a pesar de que a pandemia motivou unha avalancha de expedientes que tiveron que tramitar en poucas semanas.

De acordo co informe que lle presentou a directora do SEPE á subdelegada, nas oficinas de Emprego dependentes do Goberno tramitáronse entre marzo e agosto deste ano prestacións a 126.346 lucenses por un importe de 81.015.994,57 euros. Nos mesmos meses de 2019 foran 63.035 o número de beneficiarios na provincia e o gasto total ascendeu a 32.374.180 euros.

 

PECHE DA OFICINA DE BURELA

Isabel Rodríguez tamén foi informada de que desde hoxe está pechada temporalmente a oficina de emprego de Burela. O peche da oficina, que comparten o Servizo Público de Emprego Estatal e o Servizo Galego de Colocación, foi decidida pola Xunta en aplicación do protocolo COVID nas súas dependencias. O persoal do SEPE comunicou esta circunstancia a todas as persoas que tiñan cita concertada e mentres estea suspendida a atención presencial prestará o servizo aos cidadáns por vía telemática.