A Policía Nacional e a Garda Civil efectúan 826 controis na provincia de Lugo dentro da dispositivo de seguridade contra a pandemia

29/04/2021

 Isabel Rodríguez lembra que, pese á boa marcha da campaña de vacinación, segue sendo imprescindible manter as medidas de protección contra o coronavirus
 A subdelegada informa de que as forzas de seguridade realizaron 969 inspeccións en apoio do Plan Hostalería Segura desde o día 20 de abril
 Foron identificadas 11.507 persoas, controlados 9.851 vehículos e formuláronse 186 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu este mañá unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que cada semana fai seguemento do dispositivo de seguridade que vela polo cumprimento na provincia da normativa da Xunta contra a pandemia da COVID-19. A xuntanza tivo lugar  por vía telemática coa participación dos mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; así como de representantes da Subdelegación do Goberno e a Xunta de Galicia.

 

Isabel Rodríguez deu conta de que nos últimos nove días a Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron na provincia un total de 826 controis e  969 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, desde o día 20 ata o 28 de abril, foron identificadas 11.507 persoas polas forzas de seguridade do Estado na provincia e tamén se controlaron 9.851 vehículos. Como consecuencia destes controis, a Garda Civil e a Policía Nacional formularon nas datas mencionadas un total de 186 propostas de sanción. Para poñer en marcha este dispositivo especial de seguridade foi necesaria a participación de 1.677 axentes.

 

A subdelegada, que destacou o importante esforzo das forzas e corpos de seguridade, tamén fixo fincapé en que, a pesar da boa marcha da campaña de vacinación contra o coronavirus, segue a ser imprescindible que toda a cidadanía manteña as medidas de protección sanitaria e na necesidade de continuar respectando todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias, como fan a gran maioría dos lucenses.