A Garda Civil e a Policía Nacional efectuaron 520 controis na provincia de Ourense dentro do dispositivo de seguridade contra a pandemia nos últimos catorce días

24/05/2021

Neles foron identificadas 1.453 persoas, controláronse 1.040 vehículos, realizáronse 265 inspeccións no sector da hostalaría e eleváronse 185 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno presidiu esta mañá unha xuntanza de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica e da Policía Local de Ourense.

Durante a reunión, as forzas e corpos de seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para garantir o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico. En total, do 10 ao 23 de maio a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 520 controis e 265 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 1.453 persoas, controláronse 1.040 vehículos e eleváronse 185 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno sinalou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil continuarán desenvolvendo tarefas de vixilancia e información de acordo coas medidas publicadas no Diario Oficial de Galicia e daquelas que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade será a vixilancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco, no que actualmente se atopa o concello de Lobios. Ademais, prestarase especial atención durante as fins de semana ao cumprimento das medidas relativas aos horarios e ás reunións.

Emilio González destacou o traballo e a coordinación das forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá, e apelou de novo á responsabilidade individual da cidadanía ourensá para non retroceder na situación actual da pandemia na provincia.