Emilio González reúnese co alcalde de A Mezquita

26/05/2021

O subdelegado do Goberno mantivo un encontro con Rafael Pérez para coñecer os proxectos de aforro enerxético do Concello subvencionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o desenvolvemento do Programa PEBA-NGA.

Tamén analizaron os datos de seguridade cidadá e dos dispositivos de vixilancia que se levaron a cabo no paso fronteirizo que permaneceu habilitado en Manzalvos.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo esta mañá un encontro institucional co alcalde de A Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, no que abordaron diversos temas de interese para o municipio.

Na reunión, o subdelegado do Goberno destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, grazas ás diferentes axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), respalda economicamente tres actuacións do Concello de A Mezquita para mellorar a eficiencia enerxética.

Os proxectos, cuxo importe de subvención ascende a 458.807,39 euros, permitirán a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior no termo municipal, coa conseguinte redución do consumo enerxético.

Emilio González sinalou que estas iniciativas enmárcanse na liña de axudas destinadas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.

 Así mesmo, realizaron un seguimento do desenvolvemento do Programa PEBA-NGA, cuxo obxectivo é estender o despregue das redes de banda ancha de moi alta velocidade nas zonas rurais. Este programa está impulsado polo Goberno de España con 1,8 millóns de euros na convocatoria de 2020, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para proxectos realizados polos operadores na provincia de Ourense. Emilio González sinalou que no concello de A Mezquita a convocatoria de 2020 contempla a instalación da banda ancha de nova xeración en Santigoso.

O subdelegado resaltou que o Goberno mantén aberta ata o 29 de maio unha consulta pública sobre o listado preliminar de zonas brancas e grises, co obxectivo de obter un listado definitivo, que será a base para determinar as zonas potenciais de actuación e recepción de axudas dentro do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais, presentado polo Goberno central o pasado 30 de novembro de 2020 cunha dotación de 2.320 millóns de euros.

DATOS DE SEGURIDADE CIDADÁ

Durante o encontro, o subdelegado do Goberno trasladoulle ao alcalde os datos dos dispositivos de vixilancia que se levaron a cabo no paso fronteirizo que permaneceu habilitado no concello de A Mezquita, de luns a venres en horario de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00.  Así, entre o 2 de marzo e o 1 de maio controláronse neste punto un total de 683 vehículos e 874 persoas, denegando a entrada a 21 delas.

Emilio González salientou que “durante todo ese período os desprazamentos de proximidade e de traballadores transfronteirizos con causa xustificada supuxeron a tónica xeral”. Así mesmo, o subdelegado do Goberno transmitiulle ao alcalde o agradecemento pola infraestrutura facilitada polo concello neste posto fronteirizo, o que permitiu mellorar as condicións de traballo dos efectivos do Corpo Nacional de Policía.

Por último, Emilio González e Rafael Pérez tamén avaliaron os datos de seguridade cidadá do concello, destacando este por ser un municipio seguro cun índice baixo de delitos.