A subdelegada do Goberno coordina o operativo de seguridade contra a pandemia

28/05/2021

 A Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron durante a última semana 505 controis, 665 inspeccións na hostalaría e formularon 62 propostas de sanción na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, celebrou hoxe a reunión semanal de coordinación coas forzas de seguridade para planificar o traballo en cumprimento das restricións sanitarias acordadas pola Xunta para os concellos da provincia. A reunión celebrouse por vía telemática e contou coa participación de  mandos da Policía Nacional e da Garda Civil, así como da Policía Autonómica e da Policía Local de Lugo.

 

Isabel Rodríguez informou de que as forzas de seguridade continuarán cos labores de vixilancia e información para dar cumprimento ás medidas aprobadas polas autoridades sanitarias, especialmente no caso dos concellos para os que están fixadas maiores restricións. Ademais, prestarase especial atención durante a fin de semana ao cumprimento das medidas relativas aos horarios e posibles aglomeracións de persoas.

 

A subdelegada destacou o traballo e a coordinación que manteñen todas as forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

 

Na xuntanza, tamén se pasou revista ao labor realizado durante a última semana. Así, a subdelegada deu conta de que a Policía Nacional e a Garda Civil montaron na provincia 505 controis e 665 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos participaron 1.175 axentes,  foron identificadas 5.016 persoas e controláronse 4.183 vehículos.

 

Como consecuencia destes controis, entre os días 21 e 27 de maio, formuláronse na provincia 62 propostas de sanción por parte da Policía Nacional e da Garda Civil.