Maica Larriba mantén un encontro con Beatriz Sestayo para analizar a situación dos parques empresarias da provincia

31/05/2021

A subdelegada do Goberno reuniuse hoxe coa xerente da SEA na Subdelegación do Goberno en Pontevedra

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro institucional coa xerente da sociedade mercantil estatal “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Beatriz Sestayo.

Durante o encontro analizaron a situación do parque empresarial de Vilanova de Arousa, un dos dous parques que esta entidade xestiona na actualidade na provincia de Pontevedra. A este respecto, Beatriz Sestayo adiantou á subdelegada que o polígono de Vilanova triplicará a súa ocupación tras anos sen avances grazas aos acordos acadados con Sogama, que se instalará nun total de 7 parcelas que suman preto de 20.000 metros cadrados, e a empresa conserveira Vinova Group, vinculada a “Conxelados Cíes”, que se fixo con outras cinco parcelas na mazá 3 que alcanzan os 19.229 metros cadrados.

O parque de Vilanova de Arousa conta cunha superficie bruta de 315.672 metros cadrados, unha superficie neta de 142.723 metros cadrados, con edificabilidade industrial de 104.987,73, terciaria 47.169 e total de 152.157.

O segundo parque empresarial que xestiona esta sociedade na provincia é o de Catoira, que conta tamén cunha superficie bruta de 91.139 metros cadrados, unha superficie neta de 59.560,80 metros cadrados, con edificabilidade industrial e terciario de 41.692,60 e edificabilidade total de 41.692,60.

A xerenta da SEA explicou a subdelegeada que na actualidade están a impulsar o dereito de superficie, un sistema próximo ao alugueiro con opción a compra pero con maiores vantaxes e que permite ás empresas comezar a súa instalación nun polígono sen ter que comprar as parcelas de forma inmediata.

Esta modalidade, exposta para favorecer o asentamento de empresas e facilitarlles o seu financiamento, é a que propiciou o recente pulo ao polígono de Vilanova de Arousa e se espera que  continúe a dar os seus froitos nos restantes parques da comunidade.

A subdelegada destacou o labor desenvolvido pola xerente nestes dous primeiros anos ao cargo da entidade e púxose a disposición da SEA “para propiciar novos avances que contribúan ao desenvolvemento económico da provincia”. Neste sentido, Larriba destacou que na actualidade esta sociedade está a realizar dous estudos de viabilidade económica e financeira tanto en A Guarda como en Cuntis que permitirían ampliar o chan empresarial da provincia. “Estes dous Concellos amosaron o seu interese nestes proxectos cuxa viabilidade está a ser estudada”, explicou a subdelegada á vez que subliñou “a importancia de dar soporte e espazo a todos aqueles proxectos industriais que permitan impulsar a creación de emprego”.