Isabel Rodríguez reúnese coas forzas de seguridade para coordinar o operativo contra a pandemia

04/06/2021

 A Policía Nacional e a Garda Civil fixeron na última semana 633 controis, 538 inspeccións na hostalaría e formularon 71 propostas de sanción na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo hoxe a reunión de coordinación coas forzas de seguridade para planificar o traballo que farán a próxima semana coa finalidade de velar polo cumprimento das restricións sanitarias que ten establecidas a Xunta nos concellos da provincia. A reunión, que se celebrou por videoconferencia, contou coa participación dos  mandos da Policía Nacional e da Garda Civil, así como da Policía Autonómica e da Policía Local de Lugo.

 

Isabel Rodríguez reiterou aos lucenses a necesidade de non relaxar as medidas de seguridade e advertiu de que as forzas de seguridade manteñen o operativo de vixilancia e información en cumprimento das restricións establecidas polas autoridades sanitarias para os concellos da provincia. A subdelegada tamén expresou o seu agradecemento a todas as forzas e corpos de seguridade polo seu traballo coordinado.

 

Ademais, na xuntanza analizouse o labor realizado durante a última semana na que, como detallou a subdelegada, a Policía Nacional e a Garda Civil estableceron 633 controis na provincia e tamén efectuaron 538 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos participaron 1.258 axentes, foron identificadas 6.848 persoas e realizáronse controis a 5.639 vehículos.

 

Como consecuencia destes controis, no período comprendido entre os días 28 de maio e 3 de xuño, formuláronse na provincia 71 propostas de sanción por parte da Policía Nacional e da Garda Civil.