José Miñones compromete o seu apoio para traballar por unha solución co sector marisqueiro da ría do Burgo

14/06/2021

O Ministerio para a Transición Ecolóxica valora as ofertas para empezar o antes posible os traballos na ría do Burgo, cun orzamento de licitación de 48,5 millóns de euros

O Goberno certifica o próximo inicio das obras para recuperar a ría, que no seu momento tivo máis dun millar de postos de traballo


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comprometeu hoxe o seu apoio para traballar por unha solución co sector marisqueiro da ría do Burgo. Expresouse así durante unha reunión cos representantes dos beneficiados pola dragaxe e recuperación da ría coruñesa.

Na reunión de hoxe participaron o vicepatrón maior primeiro da Confraría de Pescadores da Coruña, Jesús Vázquez; o presidente da Agrupación de Mariscadores a Pé, Andrés Pena; e o vogal da mesma agrupación Manuel Baldomir. Xunto ao delegado estiveron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o xefe de gabinete, Juan García.

Os representantes do sector marisqueiro expresaron as súas preocupacións ante a parada da súa actividade polas actuacións na zona. O delegado amosou o seu apoio e compromiso para traballar por unha solución, unha postura que foi agradecida polos participantes.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica valora as ofertas para empezar o antes posible os traballos na ría do Burgo, cun orzamento de licitación de 48,5 millóns de euros. En total dragaranse 583.337,04 metros cúbicos na zona interior da ría, dos cales:

•   223.361,75 metros cúbicos depositaranse nun punto de vertedura ao mar cun estrito control ambiental, onde se depositan os materiais procedentes dos portos autonómicos

•   174.284,89 metros cúbicos serán aproveitados nuns recintos ambientais cuxa superficie xera espazos verdes e dá continuidade ás sendas ou paseos que bordean a ría.

•   185.690,40 metros cúbicos corresponden coa dragaxe de áridos procedentes da restauración das canles ou bancos marisqueiros. Estes materiais utilizaranse para a restitución das condicións hidrodinámicas na zona intermareal, a mellora dos bancos marisqueiros e do fondo da lagoa de Culleredo. O material obtido na zona máis exterior da ría depositarase na praia de Santa Cristina.

Preservaranse os hábitats principais de aves invernantes e as praderías de fanerógamas (227.310,67 metros cadrados) que existen na zona de marismas situadas na marxe de Culleredo deixándoos fose da zona de actuación.

Outras actuacións que contempla o proxecto son: recollida das especies marisqueiras afectadas de forma previa ao comezo dos traballos e, unha vez finalizados, a súa resembra con sementes procedentes de viveiros (hatchery) das mesmas especies extraídas; transplante da fanerógama mariña Zostera noltii; e actuacións de limpeza da ría con eliminación de especies exóticas invasoras como o carrizo da pampa (Cortadeia Selloana). Tamén se completará a recuperación do tránsito peonil en todo o bordo litoral da Ría.

SEGUIMENTO DA ACTUACIÓN DURANTE 10 ANOS

Así mesmo, estableceuse un minucioso control ambiental durante 10 anos que comprende un seguimento antes, durante e despois das obras. O plan de vixilancia ambiental contempla a grandes liñas nunha rigorosa análise e control de augas-sedimentos en todas as zonas de dragaxe e vertedura, un seguimento das especies bentónicas, especies invasoras, evolución da zostera, bivalvos, pesca artesanal, ruído, patrimonio cultural, ou a evolución da praia de Santa Cristina, etc… Todo iso de acordo coas minuciosas prescricións establecidas na Declaración de Impacto Ambiental aprobada.

O proxecto foi sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental e está previsto o seu financiamento a cargo dos Orzamento Xerais do Estado (PGE) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO

O 22 de setembro de 2020, foi obxecto de publicación no Boletín Oficial do Estado, o Anuncio da Dirección Xeral da Costa e o Mar sobre a aprobación definitiva do proxecto "Dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo", termos municipais A Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, no marco das súas competencias relativas a marisqueo e cultivos mariños, aprobou a Orde do 28 de setembro de 2020 pola que se modifican determinados plans de explotación marisqueira co fin de permitir a “suspensión da actividade extractiva de acordo co proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña), para asegurar a normal execución do contrato” e que implica que “non se poderá exercer a actividade marisqueira desenvolvida ao amparo do presente plan aprobado á Confraría de Pescadores da Coruña unha vez que se inicie a execución do contrato de obras correspondente ao proxecto de dragaxe ambiental dos sedimentos da ría do Burgo (A Coruña), de acordo coas previsións da dragaxe aprobada”.

Unha vez executada a actuación e retirado o material que agora contamina a ría, mellorará a calidade das súas augas e con iso recuperaranse os valores ambientais da zona, así como a produtividade e calidade dos bancos marisqueiros alí localizados.