José Miñones destaca o compromiso persoal e político da ministra Isabel Celaá para dotar de ordenadores aos estudantes dos centros públicos de Galicia

21/06/2021

Dentro do proxecto “Educa en Dixital” o Goberno adquiriu 14.502 equipos informáticos con acceso a Internet que se distribuirán entre o alumnado máis vulnerable

O delegado do Goberno lembra que este programa é unha das accións de emerxencia levadas a cabo ante os efectos da pandemia da COVID-19 no eido educativo

O Ministerio de Educación destinou a Galicia 103 millóns de euros para garantir a educación durante a pandemia, dos que 96 millóns foron transferencias directas á Xunta


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o compromiso persoal e político da ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, para dotar de ordenadores a alumnos en situación de vulnerabilidade dos centros educativos públicos galegos. José Miñones visitou esta tarde o Instituto “As Insuas”, no Concello de Muros, para comprobar como se desenvolve neste centro o programa “Educa en Dixital”, unha medida adoptada de xeito extraordinario polo Goberno a raíz da pandemia da COVID-19 para paliar os efectos dos peches dos centros na evolución educativa dos alumnos.

José Miñones, acompañado polo conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou a colaboración entre administracións para materializar este programa en Galicia. A través dun convenio asinado coa Xunta, o Goberno adquiriu 14.502 equipos por valor de 6.585.090 euros, que se irán distribuíndo paulatinamente aos usuarios finais. Cada equipo constitúe un posto educativo no fogar dotado con hardware, software e conectividade a internet. Ademáis, contan cun servizo de asesoramento e servizo técnico asociado.

Obxectivo: garantir a educación pública

O delegado do Goberno puxo en valor o traballo do Ministerio de Educación e Formación Profesional para garantir o dereito á educación durante a pandemia na que actuou en coordinación coas autoridades sanitarias e Comunidades Autónomas e coa axuda de toda a comunidade educativa. “Grazas ao esforzo de toda a comunidade educativa, os centros puideron manterse abertos e a situación foi de normalidade, tendo en conta a situación de crise sanitaria”, apuntou.  

José Miñones cifrou en 103 millóns a aportación do Goberno de España a Galicia para a educación durante a COVID-19. Desta cantidade, 96,5 millóns de euros corresponderon a transferencias directas á Xunta para que esta puidese afrontar gastos extraordinarios no sistema educativo pola pandemia e outras necesidades do profesorado.

Programa “Educa en Dixital”

“Educa en Dixital” naceu da necesidade de dar resposta a unha realidade que a emerxencia sanitaria puxo de manifesto: o sistema educativo necesita un impulso para profundar na dixitalización. José Miñones lembrou que a pandemia e as clases a distancia que se impuxeron en todo o territorio, incluído Galicia, evidenciaron novas brechas na educación, “pois moitos alumnos vulnerables non puideron continuar co seu proceso de aprendizaxe porque non contaban cos dispositivos, a conectividade ou as ferramentas adecuadas para poder facelo”.

O programa é unha iniciativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional e do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través de Red.es. O orzamento total son 260 millóns de euros, dos que 190 millóns de euros achégaos o Goberno de España e 70, as CC.AA.

O delegado do Goberno apuntou que o Goberno proxecta adquirir outros 250.000 equipos que se financiarán grazas ao Mecanismo Europeo de Recuperación, Transformación e  Resiliencia Económica, e que parte deles destinaránse a Galicia