Maica Larriba recibe a representantes da Fundación Secretariado Xitano de Pontevedra

24/06/2021

Maica Larriba reuniuse hoxe coa súa coordinadora, María José Obelleiro, para coñecer o traballo realizado pola Fundación na provincia e presentar os recursos que ofrece o Estado a todas as entidades que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero

A subdelegada de  Goberno, Maica Larriba, recibiu hoxe á coordinadora da Fundación Secretariado Xitano en Pontevedra,  María José Obelleiro, e a mediadora intercultural da organización, Rebeca Flórez, para coñecer de primeira man os programas que desenvolven, e en especial, aqueles relacionados coas mulleres. No encontro tamén participou a responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy.

Durante a reunión, a subdelegada informou ás representantes da Fundación dos diferentes recursos que o Estado pon a disposición de todas as entidades que traballan ou poden traballar con mulleres vítimas de violencia de xénero. Así mesmo, Larriba subliñou o compromiso do Goberno e desta Subdelegación coa igualdade das mulleres e ofreceu todo o seu apoio á delegación da Fundación en Pontevedra. A responsable da Unidade  de Violencia de Xénero púxose tamén a disposición da entidade para colaborar en todos aqueles programas relacionados coa violencia machista e a súas vítimas.

Por último, Larriba abordou coas presentes a proposta de Lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación que o Goberno presentou no Congreso o pasado mes de xaneiro.

O traballo da Fundación

A Fundación Secretariado Xitano ten como misión fundamental a promoción integral da comunidade xitana. En Galicia conta con sete sedes —dúas na provincia de Pontevedra, unha en Vigo e outra na propia cidade de Pontevedra—. Os seus diferentes programas buscan a formación sociolaboral e a integración no mercado laboral dos seus usuarios, ademais de promover a escolarización de menores, a loita contra a pobreza e a igualdade efectiva entre homes e mulleres.