José Miñones subliña en Culleredo as exemplares políticas estatais en materia de rexeneración medioambiental e urbana

04/08/2021

Fronte ás promesas incumpridas, recorda o total compromiso do Goberno co proxecto de recuperación da ría do Burgo

Destaca a conciliación dos intereses da veciñanza no proceso de expansión e crecemento do aeroporto de Alvedro

José Miñones traslada ao alcalde de Culleredo o seu respaldo á recuperación das antigas instalacións da Cros


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe en Culleredo a aposta do Executivo polas políticas de rexeneración ambiental e urbana e resaltou que a recuperación da ría do Burgo e o impulso ao aeroporto de Alvedro exemplifica o compromiso estatal co Concello e coa comarca coruñesa.

Acompañado pola subdelegada do Goberno, María Rivas; José Miñones mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, na que analizaron algunhas das principais actuacións que se están desenvolvendo no concello e avaliaron diversos proxectos impulsados polo goberno municipal.

A rexeneración ambiental da ría do Burgo, o impulso ao aeroporto de Alvedro conciliando o seu crecemento coa defensa dos intereses da veciñanza, e o respaldo ao proxecto de recuperación das antigas instalacións da Cros foron os puntos centrais do encontro.

O delegado do Goberno informou o alcalde da situación administrativa do proxecto de recuperación ambiental da ría, cuxos empezarán en outubro. Serán máis de 32 millóns de euros destinados á rexeneración dun dos principais espazos do municipio e neste sentido José Miñones resaltou que fronte ás promesas incumpridas de anteriores gobernos foi o Executivo de Pedro Sánchez, coa súa decidida política ambiental, o que converteu en realidade unha vella demanda da comarca coruñesa.

A aposta pola execución do proxecto é un claro exemplo do compromiso do Goberno con Culleredo e coa comarca da Coruña, sinalou o delegado, que expuxo o decidido impulso ao aeroporto como unha nova mostra das políticas de consenso e de apoio ás infraestruturas coruñesas.

José Miñones lembrou que a principios de 2022 comezarán as obras de reforzo de pavimentos do aeroporto e a execución dunha nova plataforma de xiro. Un proxecto que conta cun orzamento de 18,6 millóns de euros e que permitirá reforzar os pavimentos da pista e aumentar a capacidade portante, adecuar o balizamento de pista e rúas de rodaxe e renovalo por balizamento LED reducindo a pegada ambiental lumínica, executar unha nova plataforma de xiro intermedio na pista, aforrando aos avións 3.500 quilómetros/ano de percorrido pola pista, co que se reduce o ruído e a emisión de CO2 nun 15%; e nivelar as franxas de seguridade a ambos os dous lados da pista.

De maneira paralela, lembrou a creación dunha comisión para analizar a afectación do Plan Director do Aeroporto de Alvedro e o establecemento de servidumes aeronáuticas na que participarán os concellos de Oleiros, Culleredo e Cambre, afectados pola pegada sonora, ademais da Xunta, a Dirección Xeral de Aviación Civil, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Aena.  

O delegado do Goberno tamén coñeceu as características do proxecto de rehabilitación exposto polo Concello para as antigas instalacións da Cros, que tal como explicou o alcalde, se convertirá nun centro de investigación e innovación, con servizos de coworking, complementado cun auditorio e  outros usos culturais.

José Miñones respaldou o proxecto, enmarcado dentro da denominada economía circular, e mostrou a súa disposición para traballar no seu financiamento a través de fondos europeos, dado a orientación que se expón para esta iniciativa en áreas como a biotecnoloxía e a dixitalización.

No encontro tamén se abordaron outras cuestións relativas a seguridade cidadá no concello ou os avances de proxectos como o Vial 18, con 30 millóns de euros, de especial importancia para a rede viaria da comarca e cuxa tramitación será consensuada cos intereses dos concellos e dos seus veciños.

Durante a súa visita a Culleredo, José Miñones mantivo tamén un breve encontro cos membros do goberno municipal e asinou no libro de honra do Concello.