Maica Larriba destaca a ampla protección social do Goberno ao longo do último ano

07/08/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra revisa o avance nos compromisos adquiridos polo Goberno coa provincia.

 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba,  informou dos avances nos compromisos adquiridos polo Goberno na provincia no marco de rendición de contas que está a levar a cabo o Executivo coa súa iniciativa “Cumpliendo”.

A subdelegada quixo destacar, en primeiro lugar, as medidas urxentes no ámbito social e económico que desde a declaración do primeiro Estado de Alarma, o Goberno de España puxo en marcha para facer fronte aos efectos da COVID-19.

“Co obxectivo de garantir o escudo social, colocando en primeiro lugar as persoas e prestando especial atención aos que menos teñen, este Goberno tivo en conta a situación das economías máis fráxiles, ás empresas máis pequenas, aos traballadores máis precarios, ás familias máis humildes, aos autónomos, aos parados e ás persoas máis vulnerables”, recalcou Larriba, que engadiu que “cando chega unha crise é función do público, das institucións, garantir que ninguén queda atrás”.

A subdelegada do Goberno, lembrou neste sentido, que o Goberno actual ademais presupostou nos orzamentos de 2020 a maior inversión social da historia de España. Deste xeito, o Escudo Social que o Goberno decidiu crear, e aínda mantén, contén un gran número de medidas laborais, de igualdade, de vivenda, de crédito, de alivio impositivo e sostemento da actividade económica de empresas afectadas e profesionais.

Unhas medidas que na nosa provincia concrétanse na actualidade nos 9.572 beneficiarios — 4.008 homes (42 %) e 5.564 mulleres (58 %)— do ingreso mínimo vital, dos que un 39 % son menores.

Entre os dereitos e medidas laborais para traballadores e traballadoras promovidas polo Goberno, Larriba destacou o escudo que supuxo, e aínda supón para tantos traballadores e empresas, os ERTE. En xuño diminuíu notablemente o número de traballadores en ERTE na provincia, situándose en 5.072 persoas, 10.552 menos que a finais de febreiro. Do total de traballadores en  ERTE rexistrados o último día de xullo, preto da metade (49 %) estaban nalgunha das modalidades de  ERTE que se puxeron en marcha a partir do 1 de outubro, prorrogadas ata o 30 de setembro, e que conlevan exoneracións á Seguridade Social. En total, desde o inicio da pandemia, o Estado abonou na provincia 230 millóns de euros en expedientes de regulación temporal de emprego.

Ademais, un total 3.391 autónomos da provincia continuaban cobrando no mes  de xullo algunha das prestacións específicas para este colectivo postas en marcha polo Goberno para mitigar os efectos da pandemia sobre a súa actividade, e que se prorrogaron ata o 30 de setembro tras o acordo coas principais asociacións de autónomos.

Larriba destacou tamén o respaldo do Executivo á economía da provincia que concretouse, por unha parte, en avais para liquidez que mobilizaron ata a fecha uns 1.657 millóns de euros e que beneficiaron a máis de 13.619 empresas e, por outra, en 91 millóns de euros en avais para inversión que permitiron ampliar ou mellorar os negocios de 1.569 empresas. De maneira global son máis de 1.748 millóns de euros de impacto no tecido produtivo da provincia, de maneira especial no sector da hostalería e o turismo.

A subdelegada do Goberno quixo facer fincapé, así mesmo, no programa de Axuda Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que o ano pasado contou na provincia con máis de 20.000 beneficiarios. A primeira fase do anualidade 2021 arrancou o pasado mes de xullo, e distribuíu 433 toneladas de produtos alimenticios á Cruz Vermella e ao Banco de Alimentos para repartir entre máis dun centenar asociacións da provincia. En outubro porase en marcha unha segunda fase que permitirá entregar unha cantidade similar de alimentos ás persoas máis vulnerables.

Ademais, desde o inicio da crise sanitaria, a Subdelegación do Goberno repartiu 1,8 millóns de máscaras na provincia destinadas ás familias máis necesitadas. A entrega destas máscaras realízase a través de asociacións, da Deputación Provincial e dos servizos sociais dos concellos.

Por último, Larriba quixo destacar entre as inversións realizadas neste eido, a nómina mensual que abona o Estado aos pensionistas na provincia e que en xullo ascendía a 225.077.401,63 €. Os 244.491 pensionistas que recibiron as súas prestacións o mes pasado, viron aumentar o importe da súa contía con respecto ao mesmo mes do ano anterior nun 2,2 %. Na actualidade, a pensión media en Pontevedra sitúase en 920,60 €.

Avances en demandas históricas

No pasado mes de decembro aprobábanse os Presupostos Xerais do Estado para o ano 2021, que reservan 211 millóns de euros para inversións directas na provincia, o que supuxo un incremento do 30 % respecto aos de 2018.

Como exemplos de compromisos reais derivados destes orzamentos que xa se están executando na provincia, a subdelegada destacou o proxecto de Circunvalación de Pontevedra (A-57). A partida económica más destacada nestes orzamentos correspondíase co tramo actualmente en obras, Vilaboa-Ermida. Este tramo, de 6,2 kiómetros e 62 millóns de orzamento, “xa está executado nun 62 % e na actualidade trabállase con intensidade para cumprir coa anualidade prevista en 2021”, explicou a subdelegada. Os outros dous tramos presupostados, A Ermida-Pilarteiros e Pilarteiros-Barro, seguen coa súa tramitación administrativa.

Alén da chegada do AVE, que se agarda para finais de ano, Larriba destacou tamén que “na actualidade avánzase na saída sur da Alta Velocidade en Vigo, tras o renovado compromiso do actual executivo de España de potenciar o eixo de alta velocidade Lisboa-Oporto-Vigo”. Neste sentido, lembrou que o pasado mes de maio licitouse un estudo de alternativas cun prazo de execución de 12 meses e un orzamento de 405.350,00 euros.

“O Goberno tamén está avanzar no estudo da variante de Cerdedo, un proxecto abandonado polo PP no 2015, e cuxos primeiros resultados, que apuntan á idoneidade da mesma, coñecemos o pasado mes de xuño”, explicou. A análise hidroxeolóxica, necesaria para avaliar a viabilidade do proxecto, ten ademais xa unha data de finalización concreta: o 16 de xullo de 2022.

A inversión real no sector ferroviario garante tamén o compromiso de mellorar as conexións ferroviarias con Portugal. Adif rematou no ano 2020 a instalación da infraestrutura necesaria para a electrificación da liña entre Guillarei e a fronteira portuguesa e en xaneiro de 2021 enlazouse tamén coa ponte internacional. Ademais, estase avanzando xa na mellora do apartadoiro de As Gándaras –que será convertido en estación para ofrecer un mellor servizo ao polígono industrial– e en breves licitarase o proxecto de renovación da estación de Tui e da estación de Guillarei. A subdelegada explicou que “todos estes traballos que se están a levar a cabo permitirán por en marcha a liña de altas prestacións entre Vigo e Porto, un proxecto prioritario para o Executivo”.

Para Larriba “estes avances evidencian o compromiso real do Goberno coa provincia de Pontevedra, que está a permitir reactivar iniciativas de gran calado e relevancia para o desenvolvemento do noso tecido económico, produtivo e social que levaban moito tempo abandonadas nun caixón”.

Ademais, Adif avanza nas melloras da liña do Miño, na que se investirá 1,4 millóns por kilómetro ata o 2023. Así mesmo, Larriba lembrou que “outra das reivindicacións históricas atendidas por este Goberno é a supresión do paso a nivel de O Porriño, ao dar inicio no pasado mes de abril as catas e sondaxes necesarios para a redacción do proxecto”. Por último, a subdelegada destacou o proxecto da estación intermodal de Vigo, cuxa apertura está prevista para os próximos meses e suporá un revulsivo para a principal cidade da provincia.

Maica Larriba quixo subliñar tamén o compromiso do Goberno en materia de infraestruturas viarias. Alén do cumprimento do compromiso das bonificacións nas peaxes da AP-9 —que na provincia permitirá beneficiarse a máis de 18 mil usuarios diarios de novas bonificacións no traxecto entre Vigo e Pontevedra, así como da gratuidade do traxecto entre Vigo e Redondela e dunha rebaixa adicional do 50 % no recorrido de ida entre os usuarios que transite entre Puxeiros e Tui e viceversa—, na actualidade xa se está a executar a partida de 21,2 millóns de euros consignada para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado en Pontevedra.

A aposta do Goberno pola eficiencia enerxética e por unha economía máis verde tradúcese na provincia nas axudas outorgadas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) que nos últimos 30 meses permitiron a más de 28 entidades locais da provincia obter financiamento para proxectos de mellora da eficiencia enerxética en iluminacións e edificios por un montante de 41.144.386,67 €. 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico tamén subscribía en abril un convenio cos Concellos de Poio e Sanxenxo para a execución e explotación de actuacións de saneamento e depuración en ambos municipios con una inversión prevista de 19,3 millóns de euros. Larriba referiu que “a firma deste convenio permite avanzar no desenvolvemento dunhas infraestruturas moi demandadas pola urxente necesidade de eliminar as verteduras que existen actualmente e protexer esta zona da marxe dereita da Ría de Pontevedra, de extraordinaria riqueza ambiental, turística e marisqueira”.

Entre as actuacións máis importantes no eido da cultura, a subdelegada destacou o financiamento aportado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana para a execución da segunda fase de actuacións no conxunto catedralicio de Tui para a súa adaptación a usos museísticos, destinando  586.530,74 euros, una cifra que representa o 75 % do custo total das actuacións. Ademais, no recente Plan Turístico Nacional do Xacobeo o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo reservaba 329.859,49 € para a posta en marcha dun centro de acollida de peregrinos no Cárcere Vello de Tui e 1,5 millóns de euros para a posta en valor do mosteiro de San Salvador de Lérez, en Pontevedra.

Por último, a subdelegada do Goberno quixo facer referencia os máis de 300 mil euros dos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero destinados a axudas directas aos concellos da provincia. Larriba lembrou que “a loita contra a violencia machista e outra das prioridades do actual Goberno en materia social”.