José Miñones sitúa a dinamización do rural e o reto demográfico como prioridades que comparten o Goberno e o Concello de Boiro

12/08/2021

Os proxectos de mellora da eficiencia enerxética e renovación do alumeado chegaron con máis de 267.500 euros do Executivo

José Miñones supervisou, co alcalde de Boiro, os proxectos do Goberno no Concello

O delegado impulsará a través de Solo Empresarial do Atlántico a ampliación do polígono industrial de Boiro

A xuntanza de hoxe enmárcase na aposta polo municipalismo da Delegación e terá continuidade nos vindeiros meses


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe a dinamización do rural e o reto demográfico como prioridades que comparten o Executivo e o Concello de Boiro. Expresouse así tras unha xuntanza co alcalde, José Ramón Romero, e o tenente de alcalde, Luis Ruiz.

José Miñones trasladou a aposta do Executivo polos concellos galegos. “O municipalismo é unha das nosas prioridades, como tamén o son a dinamización do rural e o reto demográfico, tres asuntos nos que coincidimos co Goberno local de Boiro”, destacou.

No pavillón polideportivo da Cachada, José Miñones explicou que as instalacións recibiron unha achega do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, para cambiar o seu alumeado e mellorar a eficiencia enerxética.

Foron, en total, 267.501,72 euros para tres proxectos no Concello. Un foi a mellora enerxética de diversos alumeados exteriores de zonas rurais, outro a renovación da instalación de transformación de enerxía eléctrica, existente nas instalacións deportivas de Vista Alegre, e un terceiro de mellora da eficiencia enerxética do alumeado de diversos pavillóns do Concello de Boiro.

O delegado do Goberno destacou tamén que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ten en marcha o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA). Acaba de aprobar outros 250 millóns para este plan, dos que Galicia recibirá uns 19. Na convocatoria desde 2021 hai 800 vivendas beneficiarias en Boiro, que terán banda ancha.

Entre as necesidades do Concello está a ampliación da superficie do polígono industrial. José Miñones comprometeu o traslado á xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, desta necesidade co obxectivo de impulsar os trámites.

“É, sen dúbida, unha xornada produtiva na que establecemos o primeiro contacto co Goberno local de Boiro, que terá continuidade nos vindeiros meses”, rematou.