A subdelegada do Goberno traslada o total respaldo á declaración da Mostra de Olería de Buño como festa de interese internacional

12/08/2021

Acompaña ao alcalde na inauguración da XXXVII edición da mostra, que permite defender a herdanza dun pasado que segue tratando de garantir o presente e futuro

Recorda que os representantes das administracións públicas teñen unha gran responsabilidade coa obra das persoas que axudaron a construír o noso país

Subliña que os oleiros e oleiras son parte fundamental na que se sustenta a nosa memoria

A subdelegada do Goberno analizou co alcalde o desenvolvemento dalgúns dos principais proxectos para o Concello


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, trasladou hoxe ao alcalde de Malpica, Walter Pardo, o seu respaldo á declaración da Mostra de Olería de Buño como festa de interese internacional.

Así llo manifestou na inauguración dunha nova edición desta mostra, que María Rivas considerou como moito máis cunha mera oportunidade comercial ou expositiva xa que “trátase dunha oportunidade de manter viva a esencia dun pobo, de Buño e Malpica, de manter vivo un oficio tradicional, de defender a herdanza dun pasado que segue tratando de garantir o presente e futuro de centos de persoas e da actividade económica deste pobo”.

Por iso, indicou que o Concello de Malpica e a Asociación de Olería poden contar coa Subdelegación e coa Delegación do Goberno para conseguir un recoñecemento máis que merecido e que faría xustiza ao traballo e esforzo desenvolto durante tantos anos.

Neste sentido, sostivo que os representantes das administracións públicas teñen unha responsabilidade coa obra e co traballo de todos e todas aquelas persoas que axudaron a construír o país, e “sen dúbida, os oleiros e oleiras son algunhas desas persoas, foron e son parte importante na que se sustenta a nosa memoria, a esencia de Galicia feita arte”.

María Rivas destacou tamén que ningún lugar mellor que Buño para contribuír co seu saber a poñer en valor o noso patrimonio cultural “porque non debemos nin podemos esquecer que a olería ten unha gran importancia cultural e etnográfica e segue sendo un sinal de identidade de Buño, Malpica, da provincia da Coruña e de Galicia”.

A subdelegada felicitouse pola decisión da organización de outorgar nesta edición da mostra un especial protagonismo á muller oleira e por reivindicar o traballo moitas veces esquecido como reflexo dunha sociedade que non soubo ser igualitaria.

Con anterioridade á inauguración da mostra, María Rivas mantivo no Concello unha reunión co alcalde de Malpica onde analizaron diversos asuntos de interese para o municipio, dando desta maneira continuidade a encontro mantido recentemente polo delegado do Goberno co rexedor.

O desenvolvemento do polígono de Buño, xa listo para ser ocupado, é unha das principais prioridades municipais e para iso conta co respaldo de Solo Empresarial do Atlántico, que incluíu a oferta de parcelas por menos de cen euros ao mes. As cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados. As facilidades inclúen a posibilidade de instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra.  Tanto a subdelegada como o alcalde coincidiron en indicar que se trata dunha oportunidade para xerar riqueza e emprego na zona, que ademais coincide cun momento de recuperación no que empezarán a chegar fondos europeos.

A implantación da banda ancha, que nos próximos meses chegará xa a outras mil vivendas do concello, e diversos proxectos relativos a Demarcación de Costas centraron parte da reunión, na que ambos analizaron a actual situación política do Concello.