José Miñones sitúa a Valga como exemplo dos 58 proxectos de reparación de danos vinculados a temporais que financia o Goberno

12/08/2021

A aposta do Executivo por Valga tradúcese en investimentos por preto de 500.000 euros

O Ministerio de Transportes rematou obras de urbanización por 175.000 euros e traballa para a musealización dos castros, con impacto directo nos restos arqueolóxicos da contorna da Igrexa Vella

A mellora da eficiencia enerxética en Valga implicou 199.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica para substituír 500 luminarias

José Miñones incide no compromiso do Goberno coa dinamización do rural galego e co reto demográfico


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe Valga como exemplo dos 58 proxectos de reparación de danos vinculados a temporais que financia o Executivo. Explicouno tras reunirse co seu alcalde, José María Bello, e supervisar as distintas actuacións do Goberno no Concello xunto á subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba.

José Miñones destacou, na súa primeira visita a Valga, a conclusión das obras de urbanización da Rúa Baixa e a mellora da contorna do museo da Caña do País, “unhas actuacións recollidas no programa de Arquitectura Urbana do Ministerio de Transportes e que supuxeron un investimento de 175.000 euros”, detallou.

Esta actuación permitiu mellorar o pavimento, abrir novos accesos e mellorar os servizos básicos. O Executivo tamén actuou no centro de interpretación da Caña do País, mellorando a contorna, dotándoo de mobiliario e mellorando a súa integración na paisaxe.

“Tamén tratamos o plan de musealización dos castros, que se leva a cabo entre o Ministerio de Transportes e a Deputación de Pontevedra, e que suporá a recuperación dos restos arqueolóxicos da contorna da Igrexa Vella. Son proxectos que demostran o compromiso do Goberno cos concellos e a posta en valor do seu patrimonio”, engadiu.

O delegado do Goberno subliñou a importante concesión dunha axuda de 112.000 euros que o Ministerio de Política Territorial outorga ao concello para compensar os danos sufridos en estradas municipais polos temporais e borrascas rexistrados entre novembro e decembro de 2019.

En concreto, en Galicia houbo danos en infraestruturas municipais e redes viarias por temporais en outono de 2019. Son 58 os proxectos municipais ou provinciais de reparación destes danos que perciben 1.326.319,50 euros. Corresponden a 22 concellos e á Deputación Provincial de Ourense. No caso de Valga, son 112.343,55 euros para un proxecto de 224.687,11 euros vinculado ás estradas municipais.

José Miñones puxo en valor o investimento realizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía, de 199.000 euros para a substitución de 500 luminarias, nun proxecto desenvolvido coa colaboración da Deputación para a mellora da eficiencia enerxética.

“Estamos a falar de investimentos e axudas que suman preto de 500.000 euros e que amosan o compromiso do Goberno de España cos concellos e a súa implicación no reto demográfico, cun plan que incorpora 130 medidas para facer que municipios como Valga sexan protagonistas, melloren os seus servizos e resulten atractivos para atraer poboación e actividade económica. Niso estamos e niso seguiremos”, rematou.