José Miñones destaca a colaboración entre o Goberno e o Concello do Barco que permite avanzar en actuacións por valor de 71M€ que mellorarán a calidade de vida da súa veciñanza

19/08/2021

O delegado do Goberno repasa co rexedor do Barco os investimentos que varios departamentos ministeriais executan e proxectan na comarca

Xunto co alcalde, visita a Fortaleza do Castro, que está a ser restaurada dentro do Programa do 1,5% Cultural do Goberno

A variante do Barco, a oficina permanente do DNI ou os avances na definición do novo saneamento da localidade son algunhas das actuacións que se concretan dentro desta cooperación administrativa


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o compromiso do Goberno co Concello do Barco a través de investimentos que superan os 71 millóns de euros para mellorar a calidade de vida da veciñanza deste concello ourensán.

José Miñones desprazouse hoxe ao Barco de Valdeorras, onde mantivo unha reunión co seu alcalde, Alfredo García, con quen repasou as principais actuacións que distintos ministerios executan e proxectan executar na comarca. Con rexedor, avaliou os proxectos dos Ministerios de Transportes, de Transición Ecolóxica e de Asuntos Económicos para a mellora da rede viaria, da eficiencia enerxética e do medio natural así como da conexión á Internet de alta velocidade.

No encontro, trasladoulle ao alcalde os avances na obra da variante do Barco e de mellora da estrada N-120 ao paso pola comarca. José Miñones lembrou que a conexión da N-120 coa N-136 materializa unha demanda de 15 anos de percorrido por parte do Goberno local. Actualmente a obra sigue o seu curso no túnel do Serro e na conexión coa N-536 en paralelo á tramitación dun modificado para adaptar o proxecto aos datos xeolóxicos que se están recabando na transcurso da obra. Delegado e alcalde tamén abordaron os avances na tramitación da autovía A-76, “unha infraestrutura de gran complexidade técnica e orográfica”, apuntou José Miñones, na que se está traballando nos tramos con maior intensidade de tráfico, entre Ponferrada e O Barco.

José Miñones tamén exemplificou na próxima apertura da oficina do DNI na localidade o cumprimento do Executivo con Valdeorras, ao dar resposta, en colaboración do Goberno local, a unha necesidade histórica da comarca, que disporá en próximas datas do servizo de tramitación de xeito permanente.

O delegado do Goberno repasou os investimentos que está a realizar a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nos cauces do Concello, con proxectos que suman nestes momentos máis de 800.000 euros. Entre eles, a mellora do saneamento e da depuradora de augas residuais, na que a Confederación xa traballa para a definición de alternativas e o proxecto.

Tamén no Ministerio para a Transición Ecolóxica se inscriben as axudas concedidas ao abeiro das subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A través desta liña, o Goberno achegou preto dun millón de euros para dous proxectos de eficiencia enerxética do Concello.

Por último, o delegado do Goberno destacou tamén que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital incluíu cinco entidades locais do Concello do Barco no Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), que estará executado antes de fin de ano.

Programa 1,5% Cultural

José Miñones e Alfredo García visitaron a Fortaleza do Castro. Alí puideron coñecer os proxectos de recuperación deste recinto medieval, que o Ministerio de Transportes acordou incluír no programa do 1,5% Cultural da convocatoria de 2020. A través desta convocatoria, o Ministerio outorgou ao Concello una subvención de 305.000 euros para proseguir na restauración deste espazo.

O delegado lembrou que esta actuación dará continuidade “a unha primeira fase que tamén cofinanciamos no pasado e que permitiu recuperar a torre da homenaxe”, rematou.