José Miñones insiste en Forcarei na necesidade de que a veciñanza do rural teña acceso a servizos de calidade que garantan o seu progreso social e económico

20/08/2021

O delegado do Goberno avanza á alcaldesa de Forcarei a extensión da banda ancha de alta velocidade a sete parroquias do Concello a través do Plan PEBA do Goberno

Abordaron a creación da nova zona industrial en Casetas na que participará o Goberno a través da entidade Solo Empresarial do Atlántico (SEA)

Respecto aos parques eólicos, lembra que calquera proxecto sobre o territorio ten que cumprir uns estrictos requisitos medioambientais e a súa tramitación permite a participación da cidadanía


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, insistiu hoxe en Forcarei na necesidade de que a veciñanza das zonas rurais dispoña de servizos de calidade que permitan a súa progresión persoal, social e económica “como o acceso á Internet que favorece esta igualdade de oportunidades da poboación independentemente de onde viva”.

José Miñones abordou esta cuestión na súa primeira visita institucional ao Concello de Forcarei, na que o acompañou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Alí foron recibidos pola alcaldesa, Verónica Pichel, con quen mantiveron unha xuntanza de traballo da Casa do Concello.

O delegado do Goberno trasladou á alcaldesa que sete parroquias do Concello se beneficiarán do Programa de Extensión de Banda Ancha (Plan PEBA) que executa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Con este plan, o Goberno quere proporcionar acceso á Rede as zonas con menor cobertura, consciente de que “a dispoñibilidade dos veciños e veciñas e as empresas do rural das novas tecnoloxías é unha forma de cohesionar os territorios”, apuntou o delegado.

José Miñones lembrou que cando finalicen os proxectos que están en execución, en 2022 a cobertura de redes fixas a velocidade de 100 Mbps alcanzará o 83,67% da poboación de Galicia. E que o compromiso a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia é que en 2025 a totalidade do territorio conte con redes de 100 Mbps.

Na xuntanza abordouse a colaboración entre o Concello de Forcarei e a entidade Solo Empresarial do Atlántico (SEA), dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para crear unha nova zona empresarial en Casetas.

A alcaldesa trasladoulle a inquedanza municipal respecto da tramitación de varios proxectos de parques eólicos que ocupan unha parte do Concello. Neste punto, José Miñones informou á alcaldesa dos diversos permisos que deben acadar estes proxectos antes da súa construcción. Reiteroulle que todos eles deberán cumprir unhas estrictas esixencias ambientais e tamén administrativas, e que a súa tramitación permite a presentación de alegacións por parte de tódolos interesados  “que poden facer que o proxecto inicial presentado pola empresa promotora mude”, lembrou o delegado.