José Miñones reitera que a aposta do Goberno por Galicia manifestouse novamente no pasado Consello de Ministros con acordos que superan os 48 M€ en infraestruturas

09/09/2021

O Goberno impulsa a variante de Ourense, dentro da autovía Lugo-Ourense, ao autorizar a licitación do primeiro tramo por valor de 28,7 millóns de euros

Adicará cerca de 14 millóns de euros a garantir o funcionamento axeitado das instalacións de enerxía que permiten a circulación ferroviaria, incluída a alta velocidade

O Ministerio do Interior renovará as cubertas dos cuarteis da Garda Civil de Ferrol e Ourense con obras por valor dun millón e medio de euros que se executarán de xeito inmediato


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou hoxe a aposta do Goberno por Galicia e polas súas infraestruturas, que se puxo novamente de manifesto no Consello de Ministros desta semana. José Miñones celebrou que a referencia do Consello inclúe catro acordos que respaldan o compromiso manifestado polo presidente do Goberno, os distintos ministros e ministras e o propio delegado do Goberno nesta lexislatura. “O Goberno traballa por Galicia e para os galegos e as galegas”, resumiu o delegado.

O Consello de Ministros deste pasado martes aprobou catro acordos que implican actuacións por un valor total de 48.880.114,59 € en distintas áreas de traballo do Goberno en Galicia.

O de maior contía é o que permite a licitación da obra do primeiro tramo da Variante de Ourense por valor de 28.783.372 euros. Este tramo, que forma parte da futura autovía A56 que conectará Lugo con Ourense, terá unha lonxitude de 1.7 km entre o enlace de Eirasvedras e o de Quintela. O percorrido total da futura variante é dun 5,5 km e ten como obxecto evitar o fluxo de paso pola cidade de Ourense das relacións do oeste da cidade co nordés da cidade, a través da  N-525 (Lugo) e a  N-120 (Monforte de Lemos/León).

No que respecta ao transporte ferroviario, o delegado do Goberno apuntou que o Consello de Ministros autorizou o contrato de 13.924.500 para mantemento das instalacións de enerxía en distintas liñas, incluída a alta velocidade, en distintos tramos que discorren por Galicia. 

Con este contrato prestaranse os servizos de mantemento preventivo, preditivo e correctivo das instalacións de enerxía de 25 kv de liña aérea de contacto, subestacións eléctricas de tracción e  centro de telemando de enerxía nos tramos Pedralba-Ourense e Ourense-Santiago (LAV Madrid-Galicia) e no Eixe Atlántico de Alta Velocidade (Vigo-Santiago-A Coruña).

Melloras en infraestruturas de seguridade

O Consello de Ministros autorizou tamén a contratación de dúas obras de emerxencia para reparar as cubertas dos cuarteis da Garda Civil en Ferrol e Ourense por importe de 1.457.232€. O delegado lembrou que estas actuacións contrataranse de forma inmediata para preparar aos edificios para as épocas de maior risco de temporais. En concreto, o Ministerio do Interior investirá 708.059,94 euros no cuartel de Ourense, e 410.268 euros na obra do acuartelamento de Ferrol.