Maica Larriba recibe a Manuel Ángel García, novo capitán marítimo de Vigo

22/10/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra recibiu hoxe pola mañá no edificio da Subdelegación ao novo responsable da Capitanía Marítima de Vigo

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, recibiu esta mañá ao novo Capitán Marítimo de Vigo, Manuel Ángel García. Esta era a primeira visita institucional de García á Subdelegación do Goberno como responsable da Capitanía Marítima viguesa logo do seu nomeamento, publicado o pasado 12 de outubro no Boletín Oficial do Estado.

Durante o seu encontro, Larriba, quixo trasladar os seus parabéns ao capitán, así como ofrecer a súa total “disposición para colaborar en todos aqueles asuntos da provincia que atinxan as dúas institucións”. A subdelegada destacou a importancia e responsabilidade de estar á fronte desta Capitanía Marítima, “encargada da ordenación da navegación e seguridade marítima nun espazo clave da provincia, a ría de Vigo”. Pola súa banda, García agradeceu o recibimento e quedou a disposición da Subdelegada.
 

Unha dilatada traxectoria profesional
Manuel Ángel García forma parte da Escala de Técnicos Facultativos Superiores de Organismos Autónomos do Ministerio de Fomento. Integrado no cadro de persoal da Capitanía Marítima de Vigo desde comezos do 2000, antes do seu nomeamento como capitán marítimo de Vigo exercía como xefe de Seguridade Marítima en dita Capitanía. Previamente, foi inspector de Seguridade Marítima en Vigo e capitán marítimo de Cangas.