Maica Larriba mostra o seu apoio ao novo equipo directivo de Ponte a Conducir que este outono retoma as actividades sobre seguridade viaria

Imaxe da recepción na Subdelegación do Goberno

01/09/2022

O uso e seguridade dos patinetes eléctricos será unha prioridade para o grupo nos próximos cursos.


Pontevedra, 1 de setembro de 2022.-  A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu esta mañá ao novo equipo directivo da plataforma Ponte a Conducir, nun encontro que, ademais de servir de primeira toma de contacto coa actual dirección do grupo, permitiu dar a coñecer as actividades sobre seguridade viaria dirixidas a nenos e nenas que o colectivo reactivará en Poio e Pontevedra durante o mes de outubro.

Maica Larriba mostrou a súa máxima colaboración con esta iniciativa “porque desde o Goberno estamos firmemente comprometidos co fomento da seguridade viaria, especialmente entre a poboación máis nova”. Porén, agradeceu o esforzo de ponte a Conducir que retoma a programación tras dous anos sen actividade pola pandemia de coronavirus e afirmou que “é fundamental concienciar á poboación desde idades temperás na seguridade viaria e no coñecemento da normativa de tráfico, porque implicar a todos os sectores da sociedade redundará en que as nosas estradas e cidades sexan máis seguras para todas e todos”.

Así, segundo lle adiantaron á subdelegada os membros de Ponte a Conducir, entre as actividades educativas e de sensibilización que se van levar a cabo inclúese un concurso de debuxo e cursos que este ano se van centrar especialmente nos patinetes eléctricos e na seguridade destes vehículos que tanto se expandiron nos últimos tempos. 
Nesta liña, Maica Larriba recordou que a DGT contempla unha normativa sobre patinetes eléctricos que está sendo revisada e actualizada constantemente debido ao “boom” que está tendo este tipo de vehículos. Con todo, sinalou que os Concellos, a través das súas ordenanzas municipais tamén teñen competencias para regular a súa circulación. “É moi importante o traballo que ten previsto Ponte e Conducir neste aspecto, porque os rapaces e rapazas deben saber que o patinete eléctrico non é un xoguete, senón que é un vehículo máis na calzada que ten que convivir con outros vehículos e cos peóns, que son usuarios vulnerables”, explicou. 

O grupo Ponte a Conducir está constituído por Antonio Duarte, xefe da Policía Local de Poio; Rogelio Carballo e Alba María González, da FANPA de Pontevedra; Paulino Torres, de Cruz Vermella; o subtenente Vilar, pola Garda Civil; Hermenegildo Rodríguez Novoa, presidente da agrupación de voluntarios de Protección Civil Pontevedra; Helena Rodríguez García, da DXT; Manuel Picón e Francisco Ramón Rodríguez, pola Plataforma Galega pola Seguridade viaria; e Jorge Torres, da empresa Help Flash.