Costas empeza as obras de recuperación ambiental do Portiño de Morás, en Xove

 Costas empeza as obras de recuperación ambiental do Portiño de Morás, en Xove

04/12/2018


A subdelegada do Goberno supervisou esta mañá o comezo das obras dun proxecto que suporá a creación dun paseo peonil e a posta en valor do pasado industrial da zona

O Goberno inviste máis de 360.000 euros neste proxecto, que se inclúe no plan de recuperación do litoral da Mariña

Isabel Rodríguez destacou a importancia ambiental e cultural desta actuación do Ministerio para a Transición Ecolóxica


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, comprobou hoxe o comezo das obras do proxecto de acondicionamento que leva a cabo Costas no Portiño de Morás, no concello de Xove. Trátase dun ambicioso proxecto etnográfico e medioambiental que leva a cabo o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar. O Goberno investirá nesta actuación 360.544 euros.

A subdelegada do Goberno, que visitou as obras acompañada polo alcalde de Xove, José Demetrio Salgueiro, destacou a importancia ambiental e cultural deste proxecto incluído no plan de actuacións que leva a cabo o Ministerio para a Transición Ecolóxica para a recuperación medioambiental da costa da Mariña.

“É unha actuación coa que recuperaremos para o uso e disfrute de todos os veciños e visitantes unha zona de Xove de singular beleza, ademais de poñer  en valor elementos emblemáticos da nosa historia industrial”, manifestou Isabel Rodríguez. A subdelegada lembrou que “con esta obra, xa son tres os proxectos de mellora da costa da Mariña que poñemos en marcha, que supoñen un investimento conxunto de máis de medio millón de euros nesta comarca”. Isabel Rodríguez tamén agradeceu a colaboración do Concello de Xove para a execución deste proxecto.

Este ambicioso proxecto desenvolverase na zona situada entre as antigas baleeiras e o Portiño de Morás, que se vai acondicionar coa creación dun paseo peonil, a dotación dun novo acceso á praia e a posta en valor do pasado industrial desta zona.

O paseo peonil que se vai instalar será de madeira e contará con alumeado e mobiliario urbano. O paseo farase aproveitando o actual trazado da estrada que comunica a zona. O proxecto inclúe a construción dunha nova estrada, que terá un trazado distinto, situado algún metros cara o interior,  para suprimir o tráfico rodado de toda a zona máis próxima á costa, que vai quedar reservado en exclusiva para o disfrute das persoas.

Esta actuación ambiental  ten un destacado compoñente cultural, xa que está previsto completalo coa instalación de paneis informativos que darán testemuña do pasado industrial da zona, que tivo gran importancia para a economía da Mariña. Así, esta actuación aproveitarase para lembrar e poñer en valor as actividades relacionadas coa caza e comercialización de baleas, pois na zona houbo industrias baleeiras, e tamén coa fabricación neste mesmo lugar dos dolos, os elementos estructurais de formigón que se empregaron na construción dos espigóns do porto de Alcoa e que foron deseñados de xeito que se enlazaran entre sí a modo de puzzle para que puideran resistir a acción das ondas do mar.

As obras teñen un prazo de execución de seis meses e a súa execución foi encomendada á empresa pública Tragsa.